A paixón como vertebración da vida

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

Os alumnos do Mestre Vide recibiron a visita de Cristina Pato, que lles explicou a orixe do seu instrumento

21 jun 2018 . Actualizado a las 16:15 h.

A paixón como vertebración da vida é o que Cristina Pato intenta transmitir aos máis pequenos cando visita, a escondidas, os centros escolares. «Cando estou por Galicia tento visitar colexios que levan a cabo proxectos sobre a música galega ou sobre mulleres no eido profesional», conta despois de ser pillada in fraganti no Mestre Vide de Ourense.

Os alumnos de Infantil e Primaria descubriron cal é para a gaiteira o motor da súa vida e como acode á música cando está triste ou síntese feliz. «As horas dedicadas ás humanidades son horas de pensamento e de estar cun mesmo. A diminución das clases de música ou filosofía non son un problema exclusivo do noso país e todas as disciplinas humanísticas están a desaparecer. Pero tamén é un problema do modo de vida tan rápido que estamos a levar. Pensar ou tocar música son cousas que levan tempo e estamos nun momento no que parece que o tempo non se valora», lamenta.

Que a idade non debe ser un impedimento para facer o que a un más lle gusta foi outras das cousas que lembrou aos pequenos. «Empecei a tocar este instrumento cando tiña catro anos, e o piano cando tiña cinco», contestou ante a curiosidade dos rapaces. A mesma curiosidade que lles levou a preguntar pola cor do seu cabelo ou como descubriu o instrumento co que agora viaxa por todo o mundo. «Empecei tocando nas romarías e nas festas e gustoume ver que era algo co que as persoas celebraban e bailaban de xeito tan natural en todas partes. Cando eu tiña catro anos a miña irmá Raquel tiña dez e xa tocaba a gaita. Eu quería ser coma ela así que ensinoume e foi a miña mestra», relatoulles.

«As gaitas son instrumentos que están en todas partes. Alá onde houbo un pastor hai un tipo de gaita. Tanto na China, como no mundo árabe, como en África, por exemplo, teñen este instrumento», explicou aos alumnos do centro a compositora, algúns dos cales tiñan por primeira vez un contacto directo co instrumento. Outros xa o coñecían por estudar no conservatorio e outros por velo nas festas dos seus pobos.

O salón de actos encheuse de preguntas despois de soar o seu instrumento e o da súa sobriña, de cinco anos, que leva un curso ensaiando co violín. Quedou patente que a música esperta sentimentos -algúns deles encontrados- e as mentes.

O director do centro, Juan Manuel Regal, afirmou que as visitas como a de Cristina Pato enriquecen ao alumnado e que deben ser un piar fundamental nas escolas. «Ademais dáse a casualidade de que Cristina, aparte de ser unha música extraordinaria, é unha mellor persoa», sinalou.