«Aspanas está nun momento estable e o meu traballo é fortalecer a entidade»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Sergio Regueiro, o novo xestor da asociación, aposta pola inclusión laboral no mercado ordinario

08 jun 2018 . Actualizado a las 19:37 h.

Sergio Regueiro Núñez (Santiago, 1975) é diplomado en Ciencias Empresariais e posgraduado en Entidades sen Ánimo de Lucro. Dende o inicio de abril é o novo xerente da Asociación Aspanas, á que chega tras quince anos de experiencia laboral en entidades que prestan servizo a persoas con discapacidade intelectual e física, ou tamén a outros colectivos en risco de exclusión.

-¿Como chegou ao sector?

-Cando empecei a estudar a carreira non tiña moi claro ate onde ía dirixir o desenrolo profesional, pero ao comezar a traballar con este tipo de entidades descubrín que me atopaba moi cómodo. Isto que chamamos o terceiro sector, engancha. Por iso fixen o posgraduado específico; porque descubrín que me interesaba traballar coas persoas con maior vulnerabilidade social. É certo que as profesións relacionadas co ámbito da xestión levan menos tempo que outras no ámbito social. A razón é que nestes colectivos o tema da xestión o ían apañando como boamente podían entre as mesmas persoas que creaban as asociacións de afectados ou familiares. Agora cada vez máis buscan axuda profesional. Un colectivo sen ánimo de lucro non deixa de ser unha entidade que necesita prestar o mellor servizo posible aos seus usuarios; pero por outro lado, ten que facer cadrar as súas contas. Hai que compaxinar os dous aspectos e pensar na calidade de vida das persoas para as que traballas sen esquecer a xestión, que é necesaria para asentar esa labor e poder seguir.

-¿Son o problema os recursos dispoñibles?

-Unha das debilidades comúns das entidades deste tipo é que estiveron moito tempo baseadas principalmente na subvención pública e temos que intentar que os recursos cheguen dende diferentes canles para non depender de un único financiador. A parte pública ten que estar aí, é necesaria; pero hai que complementala coa que poda conseguirse de particulares, fundacións ou empresas que se impliquen co teu proxecto; que no caso da Asociación Aspanas son os servizos orientados a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual.

-¿Coñecía a Aspanas?

-Si. Cando estiven traballando para Fademga Plena Inclusión Galicia, entre o 2003 e o 2006, eu tiña que ter contacto coa maior parte das entidades, e Aspanas era unha delas. Sempre foi un colectivo relevante a nivel autonómico. E o segue sendo.

-As dificultades polas que pasou e os problemas co anterior xerente ¿provocaron en vostede algunha dúbida?

-En absoluto. Eu teño claro cales son as miñas competencias e tamén as miñas virtudes. Sei que sei facer o traballo que teño que facer, e para min é un reto porque esta é unha entidade grande que ten moitas posibilidades. Aspanas está agora nun momento estable; o que hai que facer é fortalecer o traballo a prol das persoas con discapacidade intelectual e o seu desenvolvemento persoal.

-¿Márcase algún obxectivo?

-O meu traballo vai enfocado a mellorar os servizos ás persoas con discapacidade intelectual polas que nos movemos e a fortalecer a organización. Dende este punto de vista creo que hai que acometer varias cuestións de calado; entre elas habería que traballar na planificación estratéxica da entidade a medio e longo prazo. Iso nos dará a visión de onde queremos chegar e que medidas imos adoptar para alcanzar a meta que nos queiramos poñer. Pero as decisións estratéxicas das entidades as teñen que aprobar as xuntas directivas ou as asembleas. A miña función será desenvolver ese plan unha vez aprobado. A responsabilidade da xerencia é tomar as decisións operativas para levar a cabo as operacións diarias.

-¿Pensa que debería de recuperarse o modelo dos centros de emprego?

-A integración laboral forma parte sen dúbida do desenrolo de calquera persoa; pero eu penso que para que a integración das persoas con discapacidade sexa real e efectiva debe procurarse no mercado ordinario.