«Hai persoas que viron a Hitler no mosteiro de Samos durante a guerra»

Xabier Quiroga presenta a súa última novela na que se reflexa a presenza nazi en Galicia


ourense / la voz

A coñecida como «ruta das ratas» que empregaban os nazis para escapar de Europa cara ao continente americano ao remate da Segunda Guerra Mundial é o eixe central da última novela de Xabier Quiroga (O Saviñao, Lugo, 1961). Trátase dun libro publicado en galego no 2015, que agora traduciuse ao castelán para cruzar fronteiras, co que segue a viaxar -estivo na recente Feria del Libro de Buenos Aires - para facer presentacións. «A novela alí aínda non se publicou por temas de dereitos de autor pero levamos algúns exemplares e o público recibiuna moi ben. É incrible o interese que esperta o noso pasado, vencellado ao de moitos bonaerenses con ascendencia galega», apunta o autor.

Esta tarde estará na libraría Eixo, na rúa Cardenal Quevedo, a partir das 19.30 horas para manter un encontro cos lectores que se acheguen ata alí e conversar sobre a novela.

A trama de Izán o da saca (La casa del nazi na súa versión en castelán) naceu da inquietude que espertou en Quiroga un libro de Eduardo Rolland no que se trata a presenza nazi en Galicia e máis en particular na Ribeira Sacra. «O libro foi a chispa que me levou a indagar. Despois lin moita máis bibliografía de perseguidos e refuxiados, visitei os sitios e falei con xente durante algo máis dun ano», recorda Quiroga sobre o proceso de documentación e escritura.

«Está moi mesturado o que é real, e eu chamo Historia con maiúscula, e o inventado, que é a historia con minúscula. Moitas das situacións e dos personaxes que aparecen no libro son reais. E non sería doado que alguén confundise a novela cun tratado histórico, pero si que hai moita investigación de base», engade o saviñádigo, e fai un chamamento á curiosidade do lector que sempre pode investigar e ampliar pola súa conta nos tempos actuais cos buscadores de Internet e abundantes bibliotecas.

O autor, que exerce como mestre de Lingua Galega, confesa que desde que ten conciencia gustoulle ler e escribir. Sen embargo non foi ata que chegou aos corenta anos cando publicou o seu primeiro libro. «Creo que unha persoa que escribe non debe sacar á luz todo. Sempre saen cousas mellores ou peores e o que fago é un proceso selectivo. Se non estou satisfeito con algo non o publico porque o único que conseguiría sería conformarme e baixar o nivel da miña obra», aclara desde o outro lado do fío telefónico.

O pulso narrativo durante as máis de seiscentas páxinas mantense a través dunha investigación abarrotada de segredos que se desvelan segundo o lector avanza. «Nas primeiras trinta páxinas o lector pode estar un pouco descolocado pero recomendaríalle que lle dea unha oportunidade porque ao final todas as pezas do quebracabezas encaixan», aclara o escritor sobre a trama inicial.

«Toda esta historia foi escondida intencionadamente. Ao principio, cando os nazis colaboraron con Franco na Guerra Civil, despediron á Lexión Cóndor no porto de Vigo entre ferventes aplausos. Naquel entonces os nazis eran vistos como heroes e había que estar a ben con eles. Coa Segunda Guerra Mundial as cousas viraron e xa non conviña ser tan amigos dos alemáns, así que disimulouse todo. Pero na zona de Vigo incluso había colexios para alemáns e casas refuxio para os que escaparon», subliña Quiroga.

O autor doutros títulos como Era por setembro ou O cabo do medo incide no patrimonio que supón a xente maior que aínda lembra o acaecido e supón unha fonte de información de inestimábel valor. «Hai algunhas persoas que incluso sitúan a Hitler no mosteiro de Samos durante a guerra», afirma.

«Na novela están moi mesturados os elementos reais con aqueles que son ficcionados»

«O paso dos nazis por Galicia foi escondido durante anos dun xeito intencionado»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Hai persoas que viron a Hitler no mosteiro de Samos durante a guerra»