Diego Valeiras crea o novo Premio de Honra Abrente

La Voz

OURENSE

xmr

O Concello presentou o cartel da Mostra de Ribadavia

29 may 2018 . Actualizado a las 12:51 h.

O responsable de imaxe da MIT de Ribadavia, Diego Valeiras, é o autor do novo Premio de Honra Abrente e do cartel que anuncia a Mostra Internacional de Teatro. Galardón e obra gráfica foron pesentados onte no Concello nun acto no que participaron xunto ao alcalde e a concelleira de Cultura ?Ignacio Gómez e María Touza? o director da MIT, Roberto Pascual, e o autor das obras presentadas, Diego Valeiras.

O creador xa viña desenvolvendo o traballo de creación de carteis e os elementos que definen a imaxe de marca da MIT de Ribadavia. Agora asume dar continuidade do Premio de Honra Abrente logo do pasamento da persoa que o realizaba ata o de agora: o artesán do ferro Manuel Rodríguez Alonso, Sampedro, finaba en xaneiro deste ano.

Alzado do auditorio

O novo galardón do festival toma como base o escenario principal da MIT. «Como escenógrafo sempre me tirou ese elemento identificador e iconográfico. Daquela a peza é un alzado do auditorio do castelo de Ribadavia, que se recoñece perfectamente, e no escenario está insertado en bronce o logotipo da Mostra», sinalou onte Diego Valeiras. Ademáis do seu traballo para o certame da capital do Ribeiro, e da súa faceta como escenógrafo, Valeiras tamén é o director da Escola Municipal de Teatro do Carballiño dende hai dous anos. No cartel anunciador da MIT 2018, que se celebrará entre os días 14 e 22 de xullo, o responsable de imaxe do certame escénico quixo «representar o desexo do festival de xuntar tradición e historia con modernidade. Apostei polas cores magenta e azul mariño escuro, que están de moda no grafismo actual, en videoclips, cartelería e outros apartados. Xunto ás cores e a sinxeleza dos elementos pode verse, semivelado, un anxo que representa a parte clásica e moderna a un tempo e que é dos da ponte do Santo Angelo de Roma», sinalou Valeiras.