Edgar non oe

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

19 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O utra recollida de tapóns. Agora tócalle aos pais do pequeno Edgar xuntar os cartos para custear a súa parte dos audiófonos que precisa o pequeno, cunha hipoacusia conxénita bilateral moderada severa asociada a unha malformación coclear que non lle deixa oír ben. Ten seis meses e precisa un aparato, pero hai unha parte que non é subvencionable ¿Perdón? Quen decide ese tipo de cousas nunca debeu ver un aparato deses, ou tal vez pensa que é coma un coche, que con renunciar aos extras xa está... Ou senón non se entende. Os pais de Edgar bastante estarán pasando xa ao saber que o seu cativo non é o neno san que todo proxenitor desexa por enriba de todo (despois están as parvadas do sexo, da cor de ollos, da dentadura do pai e a nariz da nai...); para que agora veñan os burócratas dicirlle que hai unha parte que non entra polo seguro. Así que toca volver xuntar tapóns. Que está ben porque (léase con ironía) toda aposta pola reciclaxe debería ser aplaudida, pero semella un chiste de mal gusto cando a calidade de vida dun cativo depende da solidariedade nun país que presume de sanidade pública. Pública por parte, polo que se ve. E hai unha parte do audiófono que non o é. ¡Manda truco! Claro que non sei que nos estraña, se a Xunta acaba de anunciar que vai contratar a 51 profesionais para ampliar os equipos encargados de avaliar as discapacidades e tratar así de baixar as demoras de máis dun ano a tres meses. Nada de poñelas ao día... ¡Tres meses! Soa a estratexia de avogado americano para dilatar os procesos e así rebaixar os pagos. Pero, iso si, os xeodestinos teñen cartos a moreas para estudar accións formativas...