Ourense reivindica o 17 de Maio para a escritora Pura Vázquez

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

xmr

PEN-Galicia e Deputación lembraron á autora en San Francisco

18 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ourense viviu onte o Día das Letras con convocatorias por toda a provincia. E na cidade houbo, xunto coas propostas do Concello no Centro Valente e do Paseo, unha xuntanza de marcado carácter reivindicativo: a que se celebrou no cemiterio de San Francisco baixo a organización do Centro PEN-Galicia e a Deputación de Ourense. No ano no que se conmemora o centenario do nacemento da escritora Pura Vázquez (Ourense, 1918-2006) o acto celebrado no cemiterio converteuse nunha xornada reivindicativa para reclamar un Día das Letras Galegas para a autora.

O responsábel do Centro PEN-Galicia, Luís González Tosar, lembrou que Pura Vázquez foi pioneira na escrita en galego e na creación de literatura para o público infantil e xuvenil. Rexeitou Tosar o esquecemento da figura da autora ourensá por parte da Real Academia Galega e asegurou que a outras autoras, con menos méritos e moita menos obra que Pura Vázquez llo adica a RAG. Lembrou que a escritora orixinaria do barrio do Polvorín padeceu a represión da guerra, por ser o seu pai socialista, e que foi unha docente e unha creadora que aínda está por recoñecer na súa xusta medida.

xmr

Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, lembrou que o organismo provincial xa editou a Pura Vázquez nos anos 40 do pasado século e que, xunto coa publicación e reivindicación do seu traballo, se creou no seu día o premio de literatura que leva o nome das dúas irmás. «E fago miña unha frase do presidente da Deputación -’A obra de Pura Vázquez é o sentimento feito palabra’- para salientar un legado que figura nas corenta e cinco obras que publicou», indicou Rosendo Fernández. Na mesma liña de recoñecemento e reivindicación se posicionaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, e a Valedora do Pobo. No seu discurso, Milagros Otero referiuse ao papel fundamental da muller galega ao longo da historia e amosouse convencida de que a reivindicación será escoitada: «As Letras Galegas recoñecerán o legado e o traballo de Pura Vázquez porque é un acto de xustiza. Non sei cando acontecerá, se máis tarde que cedo, pero estou certa que así será porque o merece», sinalou Otero. Na celebración do centenario de Pura Vázquez leron textos da autora Tareixa Taboada e Ánxeles Rodríguez e tocaron Daniel Castiñeira e Jonathan Ferreira, da Real Banda de Gaitas da Deputación. Rematouse o acto cunha ofrenda floral na tumba da escritora.