«O tempo na Luparia», diálogo entre memoria e esquecemento

OURENSE

Álvaro Vaquero

Plácido Romero presenta un documental con gravacións feitas ao longo de tres décadas no medio rural

16 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«O tempo na Luparia» é «un diálogo entre o tempo e o espazo», segundo define Plácido Romero que hoxe (20.00 horas, centro cultural Marcos Valcárcel) presenta este seu último traballo. O espazo é un territorio cun «encanto máxico, enmarcado pola maior necrópole megalítica de Galicia e polo río do esquecemento. No que hai no medio o tempo dilúese», expresa o autor.

O ton lírico marca este documental de 66 minutos, producido por Arraianos, no que Romero colleu un bloque de tempo de trinta anos, desprendéndose de moito material que tiña gravado nesas tres décadas. Foi un proceso, explica, como cando Miguel Anxo vía unha escultura dentro de cada bloque de mármore no que só había que sacar o que sobraba. Para facer desta obra algo coherente, pero moi persoal, Romero desbotou gravacións ás que lle tiña cariño.

O tempo aparece, di o autor, nunha tripla dimensión. Como habitante das mámoas ou da casa de Xocas en Lobeira -un personaxe con protagonismo- como algo que flúe e como o que transcorre na percepción da xente. Plácido Romero recolle en «O tempo na Luparia» algunhas das máis antigas gravacións que fixo ao chegar a Lobeira. Sae xente de hai tres décadas que reaparece na actualidade, falando e discutindo sobre situacións que viviron. Quixo recoller a concepción particular do tempo que teñen os paisanos nestes trinta anos de cambios moi profundos no rural. Evolución que expresa a música, de Daniel Romero, desde o Alalá de Lobeira cantado por Enrique Alberto Martínez Rivero ata unha versión funky de guitarra.