Maia, «Gratia Plena»

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

ODía das Letras Galegas, supuña unha carga de tarefas extra para os rapaces da pública de Vistahermosa. A miña primeira visita á biblioteca pública dende o extra-muros foi por Luís Pimentel, 1990, daquela o bibliobus non daba para tanto tecnicismo. Un gran acerto por parte da dirección do colexio fora pintar os muros coa personaxe das Letras do ano, transcribíase un parágrafo senlleiro e ficaba de xeito temporal, á espera do ano seguinte.

Este ano adicase á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 ? Pontevedra, 2005) . A Real Academia Galega publica unha breve biografía; nela leo que se atreveu a ilustrar o seu primeiro libro en galego Mar Adiante. ¿Como sería? Collería un papel de cebola e faría interpretacións creativas do mar, ou dende o seu propio traballo, o amor ao galego, foille dando trazos e cor ao que era necesario ir ligando co texto. Hoxe, ¿dariamoslle o valor que ten, visto o visto co cartel dos Maios 2018? Maia é unha copia dun traballo feito, si a lo menos fose de Victoria Moreno… A esperanza é que, Bona Dea, deusa da fertilidade, mire pola provincia, que perdeu máis de 120.000 habitantes en cen anos. Se aínda os ritos de fertilidade valesen, faríamos 92 cerimonias, unha por concello. Hoxe, como non os fagamos a Mercurio, Dei Lucrii, iremos a menos. Fronte a todo isto, a industria cultural e creativa tivo a súa semana, a súa week. Acaído o da creatividade, ctrl+C ctrl +V, pero aínda máis o de week, verba inglesa, que etimoloxicamente deriva da protolingua xermánica. Fialo cos suevos será un salto creativo que está por chegar. Nas anteriores edicións, unha xornada adicábase á industria cultural galega, este ano xa non, co que daba de si a Fariña. Na sección de videoxogos -gamers- nin rastro de Ramón Méndez, encargado de poñer verbas galegas no videoxogo Os piares da terra. Canto nos esforzamos por derrotar a cultura dos nosos devanceiros. É unha moa que non para de esmagar. Cando nos faga falta, por unha necesidade vital de sentirse parte dunha comunidade, xa non vai estar alí, porque nós xa non vamos estar nin aquí. Estaremos onda Maia, na Gratia Plena.