Unha exposición para a historia

La Voz

OURENSE

Santi M. Amil

A clausura da mostra sobre os suevos, pola que pasaron máis de 42.000 persoas, foi escenario a estrea dun documental sobre o proxecto

08 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como «un rotundo éxito», en palabras do conselleiro de Cultura Román Rodríguez, e como a mostra «máis importante de Europa sobre o mundo suevo» e «o acontecemento cultural de máis relevancia», segundo sinalou José Manuel Baltar Blanco, presidente da Deputación, foi calificada a exposición «In Tempore Sueborum» no acto de clausura da mesma. Dende o organismo provincial, organizador da mostra, e a Consellería de Cultura, patrocinadora da mesma, coincidiuse á hora de facer unha valoración exitosa e de incidir na repercusión acadada polo proxecto. Xunto a Román Rodríguez e Baltar Blanco participaron no acto de peche da mostra os representantes das outras entidades e administracións implicadas na proposta: Jesús Vázquez Abad (Concello de Ourense) e Rubén Saavedra (Abanca). No acto tamén se contou coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e co comisario do proxecto, Jorge López Quiroga.

O conselleiro de Cultura sinalou na clausura que «a mostra sobre o que acabaría sendo o primeiro reino medieval de Occidente foi un rotundo éxito de público, de crítica e de difusión do coñecemento histórico» e que grazas á mesma «somos moitos máis os galegos que coñecemos as características principais do reino suevo». José Manuel Baltar salientou que a mostra foi visitada, nos tres espazos expositivos, por 44.299 persoas e calificou o proxecto «como o máis importante de Europa sobre o mundo suevo».

No acto estreouse o documental «In Tempore Sueborum», dirixido por Jesús María Caramanzana Carrera, e o espectáculo «Peregrinatio», dedicado ás músicas nos camiños de peregrinación medievais. O documental foi rodado entre Galicia, Castela León, Estremadura, Braga e Porto, entre outros lugares, e contou coa colaboración de Mónica Rodríguez Lovelle.