«O que nos foi roubado polos Franco ten que volver ao patrimonio galego»

Nuria López recolleu hoxe o premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo


Ourense

Hoxe, coincidindo co Día da liberdade de prensa, terá lugar a entrega do premio Xosé Aurelio Carracedo, creado en homenaxe ao xornalista de La Voz de Galicia falecido no ano 1988. A galardoada deste ano é a coruñesa de 42 anos Nuria López Presedo por unha serie de reportaxes sobre o patrimonio espoliado polos Franco en Galicia.

-¿Que lle parece que a Administración aposte por este tipo de premios?

-Penso que é importante que se aposte por este tipo de premios porque tamén nos pode valer a nós para querer facer traballos en profundidade. No periodismo todo é tan efémero e todo caduca tan pronto, sobre todo na radio, que este tipo de premios valen para poñer en valor o traballo que facemos día a día e que pasa desapercibido na maior parte dos casos.

-Fálase moito dunha crise crónica no xornalismo. ¿Pasa a profesión por un bo momento en Galicia?

-O xornalismo en Galicia nunca pasou por moi bo momento. A irrupción de Internet e das redes sociais poden servirnos un pouco de complemento para intentar construír un discurso diferente, pero temos que poñernos as pilas para que non nos adianten. E despois hai un perigo, que son as fake news e como discernir entre o crible e o incrible. Penso que temos que poñernos a traballar en serio e, sobre todo, superar o problema que temos coa precariedade, que está acabando coa profesión, literalmente.

-Con respecto ao traballo premiado, ¿como organizou a recollida de información?

-O éxito quizais estivo nas fontes, que me aportaron puntos de vista diferentes e que enriqueceron ese traballo. Todo naceu en novembro, cando decidín facer unha reportaxe sobre o espolio do franquismo para un programa que naceu nesa temporada, que se chama Panorámica. Fíxena, emitiuse, pero intentara localizar tantas fontes que despois de tela emitido falei con máis e plantexei a posibilidade de facer unha serie de reportaxes para afondar un pouquiño máis.

-Todos coñecemos o pazo de Meirás, pero o patrimonio dos Franco en Galicia é moito máis amplo. ¿Sorprendeulle a magnitude das súas propiedades na comunidade?

-Si, e estou convencida de que hai moitísimo máis do que eu comentei nas reportaxes. Quizais quedeime nos exemplos que todos coñecemos: Meirás, as estatuas de Abraham e Isaac, a casa de Cornide ou o pazo do marqués de Bendaña, que foi literalmente espoliado e trasladado pedra a pedra... Son moitísimos elementos e moitos deles probablemente nin os coñecemos nin están catalogados. O presidente da Academia das Artes, Quintana Martelo, di que están traballando en serio para intentar recompoñer todo ese puzle. O que nos foi roubado ten que volver ao patrimonio galego.

-¿Cre, entón, que a Administración autonómica debe loitar pola devolución dese patrimonio aos galegos?

-Si, pero non me parece doado. Falei cun avogado que traballa habitualmente nos asuntos relacionados coa memoria histórica e el comentaba o complicadísimo que vai ser recuperar todo o espoliado. Existen moitas limitacións pola lei de amnistía e por cuestións da de memoria histórica que non están suficientemente desenvolvidas. Vai ser difícil que todo o que nos roubaron volva ao pobo galego, que é o seu verdadeiro propietario.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O que nos foi roubado polos Franco ten que volver ao patrimonio galego»