Ico: «Persoalmente medramos moito e iso notouse no grupo»

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O Sonoro Maxín comeza hoxe unha xira que percorrerá as salas dalgunhas cidades galegas

06 abr 2018 . Actualizado a las 11:51 h.

O grupo ourensán O Sonoro Maxín sube aos escenarios para festexar os dez anos que levan xuntos de aventura. As entradas poden mercarse na entrada do local a cinco euros para o concerto de hoxe en El Pueblo (22.30 horas). Falamos co vocalista Ico. Os seus temas, para os que non os coñezan, poden escoitarse na súa web.

-A pregunta é obrigada, ¿en que cambiou o grupo nestes dez anos?

-Pois en tódolos sentidos. Persoalmente medramos moito e iso tamén nos fixo medrar musicalmente. Agora entendémonos moitísimo mellor entre nós. Tanto dentro como fóra do escenario. O noso estilo tamén cambiou e comunicámonos dun xeito máis fluido e conseguimos concretar as cousas importantes en menor tempo.

-¿Tedes en mente outro disco ou aínda non toca?

-De momento non porque sacamos «Setedezasete» o ano pasado e as cancións teñen que ter o seu percorrido no directo. Tamén é certo que entre os dous discos anteriores houbo cinco anos de diferenza e esperamos que co terceiro non haxa que esperar tanto.

-Presentar as cancións en directo e despois xuntalas nun cedé é algo que caracteriza ao grupo, ¿non?

-Si. O noso carácter musical é así. Primeiro mandamos as cancións de forma moi directa e cando xa son do público facemos o disco. Non digo que sexa o mellor xeito de proceder, aínda que si que é o noso.

-¿Nesta xira que se vai atopar o público?

-Case todo o noso repertorio. Son dúas horas seguidas nas que non paramos de bailar e cantar, e esperamos que os que veñan a vernos tampouco. Pero ademais do repertorio que xa se coñece imos metendo algunha sorpresa pouco a pouco.

-A xira comeza e remata na casa.

-En realidade comezou en Bueu pero tamén é case como a nosa casa. A xira estaba pensada para que durase só o mes de abril. Pero algunhas salas tíñano un pouco complicado en canto a datas e ao final alongouse ata maio. Pero pódese dicir que o primeiro da xira é hoxe en El Pueblo e o último será no Auriense, o día 5 de maio.

-¿Destes dez anos con que vos quedades?

-Pois a verdade é que houbo de todo. Pero creo que o que máis nos gusta é que en cada actuación sentímonos moi queridos. E dalgún xeito esta xira é para agradecer a toda esa xente que nos tratou tan ben e sempre estivo aí. Para que sintan que forman parte do Sonoro Maxín.

-¿Pensaban estar en tan boa forma despois dunha década?

-(Risas) Estamos mellor do que pensabamos. Estamos en plena forma. Aínda que o noso guitarrista terá que tocar sentado porque ten un problema no lombo e non o podemos facer bailar. Pero temos moitas, moitísimas ganas, de subir aos escenarios de novo.