Fieis quedan poucos

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

30 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa non é o que era. Fai tempo que a Semana Santa deixou de ser uns días de recollemento, vixilia e rezo para ser outra cousa. Agora é unha preocupación para os pais que traballan fóra da casa, que teñen que tirar de imaxinación para ver onde deixan os nenos mentres van ao choio. Os que poden, aproveitan para viaxar ou descansar, e moitos outros danse ás torradas e os viños cos amigos aproveitando que hai varios días festivos (que xa poucos lembran que din que son santos). E pouco máis. Se miramos a previsión do tempo é porque temos plan de saír a algures. As procesións multitudinarias son cada vez menos, e nalgúns casos son case tantos os que portan o santo como os que van detrás. Noutro tempo a Igrexa conseguiu facerse cos ritos pagáns e convertelos nunha festa relixiosa, máis os tempos van mudados. A cousa xa non é así e semella estar dando a volta. Ver en restaurantes menús de coresma con cabrito xa non sorprende. Como tampouco o fai saber que a Igrexa pide cartos a unha confraría por procesionar unha imaxe (isto pasou nalgún punto do Estado que non é preciso citar, este mesmo ano). As procesións convertéronse nun reclamo turístico, e xa pouco lles queda de fe. Só hai que ver como despois do percorrido, poucos son os que entran á igrexa a rezar. Iso si, os bares ao carón dos templos viven os seus días grandes. Agora semella que é o pobo o que está asimilando as procesións aos ritos pagáns... de baixar ver o desfile, e aproveitar despois para quedar para os viños. E mentres, Defensa ordena izar as bandeiras españolas a media hasta pola morte de Cristo. ¡Oh Xesús!