«É importante levar ás institucións a voz dos movementos sociais»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Noa Presas di que, pese a ter un goberno do PP, «a cambio Ourense non recibe nada»

17 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2015, con ela de número dous, o BNG quedou sen representación no Concello. Despois Noa Presas (Ourense, 1987) foi cabeza de lista ao Parlamento galego e aí si saíu elixida. A única deputada ourensá da formación cre que o vento sopra ao seu favor: «Despois dunha etapa convulsa estase vendo como o BNG é unha alternativa sólida, forte e que ten cuestións importantes que dicir para mellorar a vida dos galegos e das galegas». Presas di que nas próximas municipais, para as que o Bloque xa lanzou a súa precampaña, o obxectivo debe ser realista: «Entrar con forza en todas as cidades, ter representación e ser importantes para condicionar os gobernos que delas saian e así facer as políticas transformadoras que levamos a cabo noutros sitios, como é o caso de Pontevedra».

-¿Percibe un regreso de votantes que marcharan ás mareas?

-Os votos sempre son das persoas e son libres, pero é certo que o traballo consolidado que está facendo o BNG fai que moita xente nova e xente que nalgún momento puido perder a confianza que mire para nós e que vexa que somos un proxecto coherente. Nese sentido temos unha impresión positiva de que ese traballo está resultando.

-Vostede, militante de base que saíu dos movementos sociais, ¿como se sinte na moqueta?

-Creo que existen moitos mitos ao respecto do Parlamento. Ás veces tendemos a pensar que as institucións o son todo ou que non son nada. O xusto é buscar un termo medio. As institucións son moi importantes e é importante levar alí a voz dos movementos sociais. Agora, ao fío da grande manifestación e folga feminista, quizais puidera parecer un pouco estraño estar alí defendendo que os poderes públicos tíñanse que poñer as pilas, pero realmente tamén é unha satisfacción estar alí e darlle voz a iso.

-Desde outras cidades din que Ourense recibe un trato de favor da Xunta. ¿Como o ve vostede?

-Realmente Ourense, para ter a única deputación e a única cidade gobernadas polo PP, a cambio non recibe nada. Si hai cuestións que estiveron pendentes na cidade durante moito tempo e que agora se pode ver algún tipo de trato de favor, como cando se arranxou a ponte do Milenio, que era unha demanda do anterior goberno durante moito tempo. Pero despois vemos outras cuestións que son unha clara discriminación para Ourense. A min, por exemplo, como pontina, dóeme ver que o PP se conforma cunha intermodal que vai converter o meu centro de saúde de toda a vida nunha rotonda.

-Niso ten moito que ver a xestión do goberno local. ¿Como valora en xeral o papel do alcalde?

-A min dáme a sensación de que é un alcalde casual, que non está nin se lle espera. Nós vemos que hai unha grande parálise no Concello e que iso é responsabilidade do alcalde, pero tamén da oposición, que non está sabendo dar nos temas importantes. Parécenos inaudito que nestes anos non se conseguira forzar unha segunda exposición pública do PXOM, que foi unha demanda no seu día do BNG no 2014. E tamén non só que non haxa orzamentos senón que incluso perigaran os servizos sociais. Se o BNG estivera no Concello non pasaría.

-Se o BNG estivera no Concello, ¿que faría respecto da moción de censura que propón Jácome?

-O que non faría desde logo sería estar tres anos enredando cunha hipotética moción de censura que non chega. É lexítimo que as forzas políticas avalíen esa posibilidade se o consideran, pero se iso non frutifica ti como oposición tes que buscar as túas prioridades e non podes permitir que as cuestións importantes para a cidadanía estean paralizadas.

-¿Querería repetir como candidata á alcaldía no 2019?

-Agora no BNG estamos centrados en sumar brazos a este proxecto político. O importante é que temos ese proxecto político. Os cabezas de lista decidiraos a militancia. Antes do verán xa teremos os candidatos das sete cidades, pero polo momento é prematuro pensar niso.

-Pero, ¿está dispoñible para iso?

-De momento non temos abordado esa cuestión e tampouco me plantexei iso en ningún momento. En todo caso, desde a executiva nacional estamos facendo un seguimento das cidades porque entendemos que teñen unha foto en conxunto e haberá que ver todas as opcións en todos os sitios.