Carlos Casares, un ourensán de «pura cepa», xa conta coa Medalla de Ouro da provincia

Rubén Nóvoa Pérez
Rubén Nóvoa OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

O seu irmán e os fillos recibiron a distinción nun acto celebrado na Deputación

09 mar 2018 . Actualizado a las 23:00 h.

A provincia de Ourense saldou onte unha débeda cun dos seus escritores máis insignes: Carlos Casares (Ourense 1941-Nigrán 2002) xa conta coa Medalla de Ouro a título póstumo. A entrega fíxose nun acto solemne organizado pola Deputación de Ourense e no que participaron o irmán do escritor, Javier Casares, e os seus fillos, Håkan e Christian Casares Berg.

O primeiro en poñer sobre a mesa os méritos de Casares para recibir esta distinción foi o tamén escritor e presidente do Pen Clube de Galicia, Luís González Tosar, que se encargou da laudatio. Amigos durante trinta anos, loou a súa traxectoria e destacou, por riba doutras achegas, os seus artigos de Á marxe, que se publicaron en La Voz de Galicia. Tamén subliñou a súa vinculación «total» con Ourense, ata definilo como un escritor «inmenso de pura cepa ourensán».

No expediente de honra que desembocou na entrega da Medalla de Ouro da provincia de Ourense a Carlos Casares destacase, ademais, a vinculación coa Limia, na que pasou a súa infancia, ou a súa etapa no seminario de Ourense e nas célebres tertulias que na época lideraba Vicente Risco en diferentes cafés da cidade con intelectuais como Lezcano, Prego de Oliver ou Tovar. «Non se pode entender a cultura galega e Galicia sen Ourense», explicou Håkan Casares, fillo do escritor, que agradeceu a distinción impulsada pola Deputación para non deixar que se esqueza a súa figura.

A quenda das intervencións pechouna o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, quen destacou de Casares a súa capacidade para asentar os «alicerces da convivencia democrática o que el, xunto con Ramón Piñeiro, consideraba mellor e máis útil sen atender a provocacións ou delirios extremistas», en clara referencia a súa etapa no Parlamento de Galicia ao que chegou como deputado «galeguista independente» na lista do PSdeG.

O acto fíxose coincidir co día en que se conmemora o 16 cabodano do intelectual ourensán, falecido no 2002. No apartado musical participou a Coral de Ruada, que interpretou o himno da provincia Ourense no solpor como peche. Entre os asistentes ao acto estiveron os alcaldes de Ourense e Xinzo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, ou o director da editorial Galaxia, Francisco Castro.