«Os videoxogos violentos fan aumentar as reaccións abruptas»

OURENSE

Cedida

O catedrático en Fisioloxía abre esta tarde os encontros Familia-Escola de Vagalume no Barco de Valdeorras

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Cudeiro inaugura esta tarde (19.30 horas, no teatro Lauro Olmo) as Xornadas Familia-Escola de Vagalume falando de «Neurobioloxía da violencia».

-¿Que pasa no cerebro dunha persoa violenta?

-É complicado. En principio parece ser que o cerebro do violento pódese explicar desde unha visión xenética, porque hai alteracións que se relacionan co mal funcionamento do sistema de neurotransmisión do cerebro, da serotonina. A serotonina ten que ver no control do sono, no estado de ánimo e no control da agresividade. Cando os sistemas funcionan ben, o control está asegurado. O problema é cando non. O sistema funciona mal na corteza frontal, que é unha zona do cerebro que controla os impulsos, a toma de decisións e incluso as respostas ás emocións. E depende dese transmisor. Este control da corteza frontal funciona mal porque a serotonina non están ben.

-Se é unha cuestión xenética, ¿entón dá igual a educación?

-Non. Se estudas a agresividade nun adulto, o violento só se pode explicar polos xenes nun 25 % ou 30 %. Se buscas no entorno ou no medio ambiente, si podes explicar máis. É unha cousa combinada do medio ambiente, das relacións persoais e veciñais... Hai xenes agresivos que só se mostran se hai un medio ambiente pouco favorable. Non podemos cambiar a xenética, pero si mellorar o entorno social, nas escolas, aí si podemos traballar. A violencia é un comportamento social, aprendido, moi relacionado cos símbolos, coas relixións, coas tendencias políticas extremas... É algo cultural, e pode ser modificado.

-¿Como?

-Con educación e con cultura. A xenética é importante; pero o medio ambiente e o entorno son é igual ou máis importantes.

-¿Hai máis «bullying» agora ou denunciase máis?

-Non hai datos, pero parece que o «bullying» é un fenómeno que vai en aumento. É difícil de explicar, pero pode estar relacionado co cambio de paradigma cultural e educativo. Os rapaces van á escola, pero están expostos a moitas cousas máis, como redes sociais, que son difíciles de controlar e hai moita agresividade nelas. É algo que tamén está relacionado co consumo de drogas. Un estudo italiano relacionou aos acosadores co consumo de drogas, tabaco e alcol, xa non entramos en coca ou heroína ou anfetas. Tamén os videoxogos. Hainos interesantisimos e moi bos para mellorar a memoria; pero tamén hai estudos recentes que ven que despois de expoñerse a videoxogos violentos, un porcentaxe alto de rapaces perden as habilidades empáticas e aumentan as reaccións abruptas e violentas. Eses fenómenos que son relativamente novos, poden explicar o aumento do bullying.

-¿Menos videoxogos e menos redes, entón?

-Máis videoxogos adaptados á idade dos nenos, e máis control sobre as redes sociais, e máis cultura sobre o que son as redes. Estou a favor dunhas redes ben entendidas dependendo da idade e da maduración dos rapaces. Con sete, oito ou nove anos, non ten sentido que estean nas redes sen control.

-¿Que idade é boa para empezar nas redes?

-A xente non se pon de acordo. Hai un consenso en que un rapaz con menos de dous anos non debería ver a tele nin mirar outras pantallas; e ata os cinco ou seis o tempo que pode ver tele ou videoxogo ten que ser unha hora ao día e baixo control... E coas redes ocorre o mesmo. Non hai unha resposta clara, pero non deberían ter acceso ata os 12. E a partir de aí, con control segundo a súa madurez.