«Non son un artista militante dunha ou doutra corrente»

OURENSE

Santi M. Amil

O artista Xosé Poldras ourensán abre hoxe unha exposición no espazo de arte Roberto Verino da capital

01 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ver chegar aquilo que permanece» é o título da mostra que esta tarde (20.00 horas) abre as súas portas no espazo de arte Roberto Verino da capital. Xosé Poldras é o autor.

-Que poderemos ver?

-Son un total de 13 gravados, sobre a figura humana. Composicións de figuras. O tema central no que conflúen todas é o silencio, a tranquilidade. Plasmo momentos intemporais, sen anécdotas máis alá do que se ve.

-Foron feitas para esta exposición ou é un compendio da súa derradeira obra?

-Os traballos son recentes e están seleccionados para esta mostra.

-Mostran, dalgunha maneira, un momento persoal?

-Aínda que non son de contar a miña vida nas obras, ao final dáste conta de que algo sempre hai, aínda que non tente contar as miñas vivencias. Non son una artista militante dunha ou outra corrente. Pero na obra vese a preocupación por unha cultura repousada con ausencia de espectáculo. Simplemente é o interese de conseguir facer unha imaxe que saia da moda do espectacular.

-Como debe enfrontarse o espectador a súa obra?

- Non existe un guión. O que poda ver é tan válido como o que eu quixen contar. Na miña obra o que queda en branco, o que non transformo, é case tan importante como a figura. Son composicións plásticas que se guían por un sentido estético.

-Que supón expor na sala de arte de Verino?

-É un luxo. Este espazo, con un ano de vida, ten demostrado que traballa con obras de calidade e é xa un lugar de referencia expositivo na cidade.