«Vimos necesario organizar aos usuarios do CHUO»

Fina Ulloa
fINA ULLOA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Sabela Rodríguez exerce de voceira eventual dunha asociación de pacientes e usuarios do CHUO

17 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabela Rodríguez Vázquez, una estudante de Educación Social, exerce, de forma eventual e mentres o colectivo non se estruture definitivamente, de voceira dunha asociación de pacientes do CHUO recen creada. Onte celebraron a súa segunda asemblea.

-¿Como xurde a idea de crear unha asociación de usuarios?

-Empezou nun grupo de persoas que estabamos apoiando a loita dos traballadores que se pecharan na planta baixa do hospital para protestar contra o peche de camas. Estivemos colaborando na recollida de firmas, e cando estábamos alí tamén empezaron a moverse as traballadoras da limpeza, da empresa Ferrovial, e tamén estivemos apoiándoas. Os traballadores sempre se queixaban de que non había apoio por parte dos usuarios e vimos necesario abrir un espazo para organizar aos usuarios.

-¿E percibiron vostedes ese desinterese nos usuarios?

-Cando estábamos recollendo firmas moita xente che contaba casos. Nós víamos que si que se estaban dando conta das consecuencias do que estaba pasando, pero como que culpaban aos traballadores: as enfermeiras, os médicos...; mentres que os traballadores estaban mobilizándose para defender os dereitos dos usuarios. Por iso vimos necesario organizarnos, analizar qué pasaba e ver ónde estaba o problema de raíz. Difundimos a convocatoria dunha asemblea. A verdade é que pensábamos que seríamos quince persoas, pero apareceron sobre cen.

-¿Cales son as demandas?

-Empezamos polo das camas que querían pechar, pasando de 41 a 36 por unidade. Agora parece que a xerencia falou cos traballadores e dixo que van a manter as 41 camas estruturais, e dicir, dotalas de persoal fixo, porque antes se sacaba de listas de contratación e se movía por outras unidades. O que pasa é que o presuposto mantense igual e non se contrata máis persoal, entón o persoal fixo que vai atender esas 41 camas se saca doutras unidades, e nesas tamén se xera un oco que vai ser cuberto por persoal que vaia rotando ou ben se saque de listas de contratación. Nós entendemos que aínda que se solucione o problema concreto das 41 camas, se non se aumenta o presuposto e a contratación, é mover a precarización dunha unidade a outra. Estamos co das instalacións do hospital novo. Parece que a distribución arquitectónica se fixo sen consultar as necesidades do persoal; non ten cociña pero si outros servizos de pago que ao mellor non eran tan prioritarios. E tamén nos preocupa o asunto das listas de espera e a lei de garantías que establece uns prazos máximos nos que podes estar esperando na sanidade pública, senón te derivan á privada e se o rexeitas te penalizan. Son as primeiras, pero queremos preparar unha lista de puntos e reivindicacións básicas para darlle difusión e movernos a partir de aí. Queremos ver tamén cómo podemos achegar a asociación á xente no hospital, especialmente aos maiores, porque eles non están nas redes sociais.