Xoán Babarro: «Propoño achegarse á natureza con poemas sobre animais»

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O autor presenta na cidade a súa nova obra dirixida ao público infantil: «O baúl de Domingo Quintas»

17 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na libraría Eixo presenta Xoán Babarro (Calvelo de Zorelle, Maceda, 1947) a súa nova publicación. Será a partir das 12.00 horas. «O baúl de Domingo Quintas» e o título dun proxecto que parte dun feito real e autobiográfico para convertirse en literatura. A obra comeza cando o narrador decide abrir o vello baúl do bisavó e atopa unha morea de poemas escritos sobre cortizas de bidueiro. Hércules de Ediciones publicou o traballo. Babarro gañou hai anos o Premio Pura e Dora Vázquez de Literatura Infantil.

-O libro é autobiográfico?

-Non. Utiliza unha narración para introducir o elemento máxico ou misterioso e daquela facer máis atractivos os textos.

-A que público vai dirixido?

-A un lector infantil que se podería situar nunha franxa de idade de entre 8 e 11 anos. Aínda que os poemas van con anotacións que facilitan a participación de adultos e a ampliación de coñecementos.

-De que xeito?

-Cada páxina ten como corpo principal un poema e no rodapé van un par de liñas con referencias a un aspecto literario, un autor, referencias de cultura tradicional ou popular e outros materiais -trabalinguas, adiviñas, xogos e outros-. Eses contidos sirven para ampliar coñecementos porque aparecen Julio Verne, Rosalía de Castro ou os Irmáns Grimm, por exemplo.

-En que centra a obra?

-En «O baúl de Domingo Quintas» propoño achegarse á natureza con poemas sobre animais. Cada texto está centrado nun, dende pequenos insectos aos grandes mamíferos do planeta, e iso fai que os rapaces se interesen pola natureza.