«Mentres outras cidades avanzan, aquí estamos no eterno día da marmota»

OURENSE

Santi M. Amil

O portavoz de Ourense en Común no Concello, Martiño X. Vázquez, aseguera que e difícil chegar a acordos porque «a alternativa ao PP é un PP multiplicado por dous», en referencia a Democracia Ourensana

26 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Martiño X. Vázquez quítalle máis horas ao sono e a vida persoal que ao traballo: asegura que está satisfeito coa marcha da súa tese doutoral sobre a cultura castrexa no sur da provincia. Pero é que agora está facendo outra carreira, a da política municipal.

-¿Como vai a experiencia?

-Máis aló da satisfacción por traballar a prol dun proxecto colectivo, sinto certa frustración por non poder levar cara adiante cousas que nós entendemos fundamentais. Pero a aritmética electoral é a que é. Namentres compañeiros en Coruña ou Compostela lanzan a renda social básica, aquí non se pode porque a relación de forzas de progreso dentro no Concello é inviable. Fai pouco tivemos un encontro en Compostela e a acollida á xente de Ourense foi moi agarimosa porque parece que vivimos un tempo pasado. Mentres outras cidades avanzan aquí estamos no eterno día da marmota.

-Entón, ¿están sendo altofalantes para os veciños? ¿Ou os Pepito Grillo do Concello?

-A veciñanza colocounos como última forza, os nosos votos non son necesarios nin cara un lado nin cara outro... Pero tamén é certo que malia ser tres concelleiras [Vázquez emprega a linguaxe inclusiva e refírese a Ledicia Piñeiro, Miguel Doval e a si mesmo] nos plenos hai agresións constantes contra nós sen ser relevantes nese senso. E iso é porque a nosa capacidade de traballo, sendo os menos, é moi superior por exemplo á do principal grupo da oposición. Fomos os únicos que emendamos todas e cada unha das ordenanzas. Podes ser Pepito Grillo a nivel de espectáculo e ter un retorno interesante. Pero pódese facer oposición dende un punto de vista construtivo. Ledicia Piñeiro conseguiu que a ordenanza de vivendas de emerxencia social fora cara adiante e que o PP admitira que as persoas que tiveran esas casas non pagasen os suministros. Iso son vitorias. ¿Que iso igual non ten tanto rédito electoral como insultar? É que igual esa é a clave. Nós somos antagónicos ao PP pero o PP está gobernando Ourense. Entón se non chegas a acordos, se non procuras transformar as cousas, son catro anos perdidos.

-Falaba de agresividade nos plenos. Hai tensión co alcalde pero sobre todo con Jácome.

-Democracia Ourensana é o efecto Ciudadanos anticipado e amplificado polo feito de ter unha televisión. Eu empatizo con moitos votantes de DO porque en certa medida é ese voto da indignación: ti es unha persoa nova, pasas o día buscando traballo, tes problemas para chegar a fin de mes e chegas a casa, pos a televisión e hai alguén que di esas cousas, que insulta... E en certa medida empatizas: joder, polo menos da caña. O que acontece é que eu creo que dar caña non é só insultar; dar caña é transformar a realidade. E vese perfectamente a capacidade de transformación da realidade que ten Jácome. É nula. Porque en realidade máis aló dese espectáculo, non hai base. No fondo, por moi municipalista que sexa (municipalismo entendido como localismo, case cantonalismo) é un partido situado máis á dereita que o Partido Popular. É moi difícil chegar a un acordo porque a alternativa ao PP é un PP multiplicado por dous. Máis aló hai algo que non é tolerable: a súa forma de falar nos plenos é maltrato, violencia verbal. É ese conflito emerxe porque el sabe que ese discurso da impugnación ao sistema só o podemos representar nós. Sabe que o voto da impugnación que o aupou a el tan arriba pódeselle escapar.

«Estarei onde a asemblea queira. Teño compromiso limitado con Ourense ata 2019»

Ourense en Común lanza xa o proceso de primarias. Da negativa experiencia de 2015, cando tiveran que repetilas, di que aprenderon moitas cousas: «Ás veces hai quen aproveita e sen acreditar en procesos políticos como este usurpa e agrede este proxecto, como foi o caso do alcalde da Peroxa que viñese botar... A min no se me ocorrería».

-Dos alcaldes das mareas, ¿con cal se queda?

-(Silencio)

-Metémolo nun compromiso.

-(Risas). ¡Claro! É complicado. Cada un ten cousas moi positivas. Máis aló da boa relación que podamos ter e o que poidan facer uns e outros, a clave é o contexto. Non é o mesmo a realidade de Martiño (Noriega) ou a de Xulio (Ferreiro) que a de Jorge (Suárez).

-Teme que a marca da Marea sufra un desgaste (o goberno sempre desgasta) e que lles pase factura electoralmente.

-Di que cando un goberna, ten desgaste. En realidade, o que fai é exemplificar. Ten algo que presentar. Todo o contrario. O espazo político que representa Ourense en Común é o mesmo que o de Marea Atlántica ou Compostela Aberta e iso permítenos evidenciar e tumbar o mito dos bos xestores do PP. Aquí non hai orzamentos e en Compostela terán todo o ano para executalos. Das sete grandes cidades dende logo Ourense non está entre as mellor gobernadas.

-¿Ten batería para seguir?

-Estaría onde a asemblea queira que estea. Teño un compromiso limitado con Ourense ata 2019.