«Ourense terá moi boas oportunidades cando se dea a coñecer moito mellor»

OURENSE

Santi M. Amil

Uxío Novoneyra reivindica o legado da Xeración Nós para incidir no compromiso europeísta

20 ene 2018 . Actualizado a las 18:12 h.

Aínda que naceu na cidade da súa nai, Lugo, e mantén unha fonda relación coa Compostela na que se criou e O Courel que converteu en literatura o seu pai, finalmente Uxío Novoneyra asentou en Ourense. Á cidade chegou hai xa uns anos como asesor do goberno bipartito, na súa condición de consultor de fondos europeos e co obxectivo de acadar subvencións para proxectos internacionais, e foi asinado ao departamento que xestionaba Marta Arribas -para promover iniciativas de Medio Ambiente- e exerceu de coordinador de Xuventude. Segue na cidade, promovendo dende a mesma proxectos culturais e iniciativas vencelladas ás políticas europeas.

-Contaba rematar sendo un ourensán militante?

-Coñecía a cidade, non moito, e rematei namorado de Ourense e dunha ourensá. E moi a gusto de vivir na capital moderna da cultura galega. Algo que para min, que fun criado na capital contemporánea da cultura galega, Compostela, é motivo de orgullo.

-Como ve a cidade, seis anos despois da súa chegada?

-Ten moitas fortalezas e un legado que impresiona. Foi, e ben chamada, a Atenas de Galicia e polo seu espolón e polo casco histórico aínda hai un pouso moi importante de figuras como Otero Pedrayo ou os membros da Xeración Nós. É unha cidade literaria, cun patrimonio brutal, e con grandes valores ou potencialidades para aproveitar: é un referente termal, un nó de comunicacións, a porta de entrada a Galicia e mantén unha tradición que fala dunha historia de comercio, burguesía e actividade gremial.

-Cre que se mantén o pulo deses tempos aos que se refire?

-Estamos nun proceso de aculturación, é algo xeral, e Ourense terá moi boas oportunidades e un gran futuro cando se dea a coñecer mellor esa realidade termal, romana, patrimonial e de capital da cultura moderna galega.

-É ese o reto?

-Obviamente hai un problema demográfico patente e ese é o gran reto. Mais tamén potenciar a educación e a cultura para contar cunha cidade mellor.

-A súa irmá -Branca Novoneyra é concelleira de Acción Cultural en Compostela- asinaba un artigo neste xornal o día 3 reivindicando pór a cultura no centro da axenda política. Vostede, que tamén estivo no encontro de Milán, cre que iso pode beneficiarnos?

-Ourense pode, e debe, aproveitar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Ten que tomar unha posición moi activa para captar fondos e promover proxectos de desenvolvemento. Europa orienta todo, no caso do Estado, ao turismo -e o cultural é un turismo de segundo grao- e aquí hai un gran potencial na cidade e na provincia. Pódese facer, pero hai que ir a políticas transversais para traballar todos na mesma dirección.

-Estivo na plataforma do centenario de Nós. Agora hai unha iniciativa da Xunta ao respecto. Que opinión lle merece?

-A sociedade civil sempre vai por diante propoñendo as cousas e as administracións públicas son as que deben traccionar e liderar. Ese é bo exemplo do que digo: debemos aproveitar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural para reivindicar a Ourense e á Xeración Nós, que foi un movemento adiantado ao seu tempo e fondamente europeísta.

-Xestiona a fundación do seu pai. Como vai o proxecto?

-Mantemos vivo o seu legado, a súa obra e a súa pinacoteca nesa Galicia remota que é O Courel. En traballamos en base á súa filosofía: facer un país mellor e apostar pola creatividade.