As fundacións vencelladas á Xeración Nós lembrarán á Xavier Prado «Lameiro» no Xardín do Posío

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

xmr

O acto desenvolverase no Xardín do Posío, xunto á escultura do escritor

22 dic 2017 . Actualizado a las 18:50 h.

As fundacións vencelladas aos persoeiros que formaron a Xeración Nós e a Coral de Ruada renderán homenaxe mañá a Xavier Prado Lameiro no Xardín do Posío, ao carón da escultura que lembra ao intelectual ourensán. O acto está promovido pola Fundación Otero Pedrayo e a coral ourensá e no mesmo participarán tamén os representantes das fundacións que levan o nome de Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao e Alexandre Bóveda. A iniciativa ten como obxectivo reivindicar a obra e o legado de Xavier Prado Lameiro, fundador da Coral de Ruada e primeiro redactor xefe da revista Nós, e a convocatoria foi presentada onte por Juan Luis Saco (Fundación Otero Pedrayo), Samuel Lago (Coral de Ruada) e Delfín Caseiro, autor da recompilación das obras completas do escritor e xornalista. A homenaxe desenvolverase mañá, dende as 12.00 horas, no Xardín do Posío.

Na presentación organizada no Liceo de Ourense Delfín Caseiro referiuse á necesidade de reivindicar a figura e o legado de Xavier Prado ao considerar que «del transcendeu a súa vertente humorística e quedaron na sombra aspectos moi importantes, como os referidos ás súas obras teatrais e ao xornalismo», sinalou Caseiro. Tamén incidiu na necesidade de dilvugar e espallar o seu traballo para conseguir o recoñecemento que non ten fóra da provincia de Ourense.