«Cando o alcalde dixo que se ía ninguén lle pediu que quedase»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O sucesor de Francisco José Fernández di que o relevo era necesario «tal e como viña atendendo o Concello»

20 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nado no ano 1967, Domingo Diéguez será o novo alcalde de Trives trala dimisión do seu compañeiro de ATI (Agrupación Trivesa Independente), Francisco José Fernández. «Neste momento o mellor que podemos facer é pasar páxina. No grupo os que quedamos estamos totalmente unidos e ilusionados», di.

-¿Parécelle ben que dimitise?

-Foi unha decisión propiamente súa. El eu creo que si ten motivos suficientes para marcharse pero son asuntos que el ten que explicar. Non comparto o que di pero non vou polemizar ao respecto.

-¿Cales son eses motivos?

-Eu creo que agora mesmo o tema da alcaldía non o estaba levando ao 100 % por motivos estritamente persoais, supoño, porque outros non tiña. Non había diferenzas co grupo, que sempre o respaldou.

-El di que o grupo non estivo de acordo co seu apoio a sacar a concurso a estación de esquí. ¿É así?

-Nós o único que lle reprochamos é que hai aproximadamente un ano está levando certas cousas con moito secretismo. Non as estaba compartindo con nós. Entón, nós enterámonos pola prensa do sentido do seu voto. Igual que nos enteramos pola prensa, polos veciños ou por outras fontes de cousas que deberiamos saber de primeira man. ¿Como imos ter unha opinión diferente se non nos informa sequera que hai consello de administración? Non hai discrepancia posible.

-¿Está vostede en contra de sacar a concurso a estación?

-Eu non o podo valorar porque descoñezo totalmente o que se trata nos consellos de administracións. ¿Que non o debía descoñecer como tenente de alcalde? Pois é posible, pero se non se me informa eu non podo ter criterio ao respecto.

-Tamén di que el non se deixou vender por sacos de cemento. ¿Danse vostede e os seus compañeiros por aludidos?

-Non creo que a nós nos quixera comprar ninguén. Entón, por desgraza, pouco valemos cando ninguén nos quere. El argumenta os sacos de cemento porque, se cadra, no día a día outros que estabamos máis pendentes do Concello, estamos máis cerca dos sacos de cemento. Trives ten unhas carencias en canto ás infraestruturas moi graves e é posible que algún tipo de reproche lle fixésemos para que se centrase máis niso. Trives necesita sacos de cemento, claro que necesita.

-¿Que lle pasou entón ao alcalde?

-Non o sei. Non podo entrar a valoralo. Eu o único que che podo dicir é que o motivo que el alega para a súa marcha o interpretamos como unha escusa. Cando o alcalde dixo que se ía, ningún compañeiro lle pediu que quedase porque, tal e como viña atendendo ao Concello, era necesario que se producise ese cambio. O que non entendemos é que, en vez de marchar calando e intentando non facer dano, busque escusas absurdas.

-¿Ten futuro o proxecto de ATI ou acabará no PP, como di el?

-O primeiro é que unha persoa ten que ser elegante para marcharse. ¿O proxecto de ATI ten futuro? Eu creo que si. Ten futuro reconducindo moitas situacións e abrindo moitas portas que ata agora mesmo parece que se nos estaban pechando. Está claro que a relación con institucións superiores é imprescindible porque Trives non está en capacidade de sobrevivir por si soa. Se nós pedimos axudas a outras Administracións e iso se pode interpretar como unha baixada de pantalóns, eu non o entendo. A nosa liña vai ser humildade e diálogo, pero eu non interpretaría iso como venderse por un saco de cemento. Trives necesita que as outras Administracións boten unha man e a nosa tarefa de agora en adiante vai ser abrir unhas portas que non se estaban abrindo non se sabe moi ben por que.

-¿Descarta ou non descarta ser candidato do PP nas próximas eleccións?

-Estamos a ano e medio. Non sabemos nin se acabaremos a lexislatura nin se estaremos en condicións, con ganas e con ilusión, de volver presentarnos. Eu nunca fun invitado por ninguén para ir nunha lista nin polo PP nin polo PSOE. Sería absurdo e unha falta de respecto pensar que nós podemos entrar, saír... Non temos a cabeza no PP nin nas próximas eleccións. Non sabemos onde estaremos dentro de ano e medio, pero sabemos onde estamos hoxe, preocupados pola iluminación do Nadal, polos problemas gravísimos que temos coa auga... Mentres, outros están pensando no PP ou en que non necesitamos farolas ou cemento, pero os que pisamos as rúas e damos a cara ante o pobo si sabemos que todos os días se funden bombillas, por exemplo.

-A relación coa secretaria foi moi polémica ata agora. ¿Seguirá séndoa nesta nova etapa?

-A situación do Concello de Trives en canto a ese tema todos a coñecemos; non é nada novo. ¿Que non é fácil o día a día por esa circunstancia? Pois claro. Xa sabemos o terreo que pisamos e que nos queda sortear. Cando nos presentamos ás eleccións xa sabiamos das dificultades que había e, se o sabiamos, temos que afrontalo. Temos que ser hábiles e convivir con iso.