Amor pola cultura e a lingua francesas

A ourensá cre que «hai que rachar coa zona de confort para seguir avanzando»


ourense / la voz

Camiñaba Sara Martínez-Risco Sotelo por ese carreiro de incerteza ao que a crise e a sociedade actual condenou aos mozos mellor preparados e formados que tivo nunca Galiza. E como moitos deles apostou por un espazo de oportunidades, de liberdade e de rexos alicerces democráticos que en pouco se asemella á liña do horizonte e á paisaxe que se albiscaba no seu arredor. Logo de graduarse en Linguas e Literaturas Modernas deu continuidade á súa etapa formativa cos estudos de Hispánicas. Antes de rematalos -«cansada e desmotivada co que estaba a facer», como recoñece dende París- apostou por instalarse en Francia cunha beca de auxiliar de conversación que a levou a unha cidade preto da capital do país.

Aquela primeira experiencia foi positiva e Sara deu continuidade á súa estadía parisina traballando uns meses nunha das tendas de Zara para pasar, neste curso, a exercer como profesora de español nun instituto público ubicado a carón de Versailles. Recoñece que existen moitas diferenzas na comparanza co sistema educativo no que ela se formou, dende as fórmulas de tratamento entre os diferentes integrantes do centro ao repartimento das horas de clase, vacacións ou materias. «No que a min respecta, o referido ao ensino das linguas, o contraste é enorme. O sistema francés interésase polos usos prácticos; a gramática queda moi reducida, e a un plano secundario, e a cultura hispana ten un gran protagonismo. Ensínase o español partindo de temas culturais que poden interesar aos alumnos, que aprenden daquela o uso da lingua en situación e esquecendo por completo a repetición de verbos e demais fórmulas maxistrais. Soa un pouco a tópico, mais funciona», sinala Sara Martínez-Risco Sotelo.

Os alumnos da ourensá no instituto elixen o español por dúas circunstancias: «A maioría porque non querían estudar alemán. Tamén os hai que van máis alá e confesan que realmente consideran o español como unha ferramenta para o seu futuro, ao ser conscientes das posibilidades que lles ofrece o idioma. Sen deixar de lado que a proximidade co francés é unha grande vantaxe», como sinala a profesora.

Decantouse por Francia polo profundo amor que sentía cara á súa lingua e á súa cultura «e son consciente das posibilidades laborais existentes, xa non somentes para alguén co meu perfil. Ademais, quería comprender dende dentro esa maneira de ser tan peculiar, que poderei criticar toda a miña vida mais que non deixa de sorprenderme».

Ten claro a docente ourensá en París que, malia os intres nos que se fai difícil vivir lonxe da casa e dos amigos, «estar fóra supón renunciar a moitas cousas, pero hai que rachar coa zona de confort para seguir avanzando e progresando». No seu caso o destino é un país no que desexaba vivir. De cara ao futuro non hai nada escrito: «Se ben é certo que, polo de agora, a situación é estábel quen sabe cal será o seguinte paso».

 

Algunhas das vantaxes que a profesora ourensá salienta de vivir en París son a súa gran oferta cultural e o patrimonio. No primeiro apartado as posibilidades «son enormes. Deixando a un lado os monumentos nacionais e os museos, aos que todo turista sente a obriga de ir, hai unha continua renovación de exposicións de todo tipo e abundan os concertos e as obras de teatro, ademais de haber infinitas salas de cine, e moito máis barato. Ao igual que os libros». En canto ao segundo, e cando non dependes de horarios laborais e transportes, podes gozar «de paseos rodeada de edificios que coñeces porque estás cansada de velos en películas, fotografías, anuncios... e que agora forman parte da túa vida cotidiá». E, por riba, cunha cociña, uns viños e uns queixos «que non desmerecen».

Boa acollida nunha cidade de gran diversidade social

Vivir nunha cidade como París ofrece un amplo abano de posibilidades en diferentes sectores -entre eles o das viaxes «xa que coa súa situación estratéxica para desprazarte por toda Europa hai moitas ofertas de compañías de baixo custe»- e tamén impón as súas diferenzas coa experiencia vivida: «Botar en falta aos teus é algo intrínseco. E tamén hai cousas que estranas, como pode ser ir andando a todas partes sen depender do metro e do transporte de cercanías para ir ao traballo, que sempre levan retrasos e nos que vas comprimida, ou ir tomar unhas cervexas e non sentir que veñen de levarche medio soldo».

Recoñece Sara as peculiarides do «francés parisien» e sinala que en todas as súas estadías en Francia «sempre tiven a sorte de ser acollida como unha máis». A gran diversidade social e cultural que se foi creando en París dende hai décadas ten marcado etapas recentes da historia do país e a ourensá precisa que «existen comportamentos sesgados cara depende que sectores. Non hai máis que botar a vista atrás e mirar á primeira volta das últimas eleccións. Penso que o medo é o maior causante dos prexuizos existentes».

Os españois que coñece están na cidade, como ela, por razóns laborais e no seu barrio hai un restaurante dun galego «que se morre de morriña ao falarme de Valdeorras».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Amor pola cultura e a lingua francesas