«Un enterro custa exactamente o que un queira gastar; ese é o prezo»

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

Antonio García Aliende, presidente da asociación de empresas funerarias de Ourense, di que o básico pode saír en pouco máis de 1.000 euros, pero despois hai gastos a maiores aos que ninguén renuncia

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É ese negocio ao que ninguén quere acudir, pero do que ninguén libra. Antonio García Aliende (Ribadavia, 1950) lidera desde fai máis de quince anos a asociación provincial de empresas funerarias de Ourense, un colectivo que agrupa a máis de cincuenta socios. Nacida nos anos 80, García é o segundo presidente, tras o paso de Manuel Mosquera. «Falta algún funerario, pero non son moitos; e despois hai outra xente que non reúne as condicións para estar na asociación, por non ter por exemplo o coche fúnebre, pero iso vai desaparecendo. Así que os seguen sen estar é porque non queren, porque a asociación está aberta a todos», di García. Incombustible no cargo, di que cada dous anos hai eleccións e ou ben non se presenta ninguén «ou non ten acadado os votos suficientes».

-Son un sector do que todos nos acordamos ao falar de Defuntos, pero ¿notan a data nos seus negocios?

-A nós non nos inflúe. Hai algún sitio no que a xente ten costume de poñer relicarios nas sepulturas e que é a funeraria a que vende, pero a nivel diñeiro é moi pouquiño. O tema de defuntos a quen inflúe é ás florerías, e á xente que se dedica á limpeza de nichos e á atención de cemiterios.

-¿Cales son as principais reivindicacións do sector?

-Hoxe dentro do que cabe, despois de épocas nas que estivemos máis revolucionados, estamos bastante tranquilos. Hai un par de anos andamos coa legalización dos centros de vela, que non estaban dados de alta, pero agora na maioría dos sitios teñen autorización. Non ten habido denuncias de socios por sitios que estean abertos e non teñan licenza.

-¿Solucionado entón aquel problema das sancións que recollía a lei para os empresarios que usaran instalacións que non cumpriran as normas de Sanidade?

-Si. A día de hoxe o que sei é que non ten habido denuncias. Houbo no seu momento. Eu non podo ir pola provincia ver onde hai e onde non, pero supoño que os compañeiros aos que lles causen problemas, os denunciarían.

-Son 50 empresas, ¿que volume de facturación move o sector?

-Iso é meterme nun apreto. Sabemos que son uns 3.000 mortos ao ano na provincia, pero ninguén di o que factura nin o que non. É algo que vai dentro do negocio de cada un, e que non dicimos. E despois está que neste negocio noso, segundo as costumes das diferentes zonas, a facturación pode ser moi diferente. É un sector que engloba moitos produtos alleos ao que poderíamos falar de propiamente funerario, que sería caixa, coche, traslados e documentación; pero ten flores, prensa, radio, autocares... Son unha serie de produtos que segundo os costumes do sitio en concreto, fai que o prezo varíe moito.

-¿Pero canto costa un enterro?

-Un enterro custa xusto o que un queira gastar, o que queira gastar a xente. Se vas ao básico, unha caixa sinxela pode andar polos 600 ou 650 euros, e de aí para arriba o que queira gastar un. O coche está entre 140 e 160 euros, un velorio sobre 300 ou 350 segundo zona, cento e algo a documentación, anda sobre os mil e algo de euros. Pero, por exemplo, unha incineración custa sobre 330... pero tampouco son 330, porque estamos falando dunha incineración cunha urna básica, pero pode valer moito diñeiro. Se o cliente pide algo fóra do normal, hai urnas con metais preciosos, outras son relicarios de ouro de lei... e fai que poida variar o enterro. E despois, se o cliente quere que lle pagues aos curas, tamén o cobras; e que encargues as flores, pois o mesmo.

-¿Tivo algunha vez un enterro fóra do normal polo gasto que supuxo?

-(Ri). Por desgraza non manexo esas cifras, aquí os enterros están dentro dun orde establecido. Hai que partir da base de que as provincias galegas poidan que sexan das máis económicas no tema funerario en toda España, xa non vou entrar en si é máis barato Lugo ou Ourense, porque tampouco quero... pero en Galicia as funerarias son relativamente económicas, sobre todo co que é a nivel nacional.

-¿Como é un enterro medio? ¿Que pide a xente?

-Os produtos que soen pedir, independentemente da zona, pola provincia en xeral, é un autocar, sobre todo nas bisbarras para a xente maior que non conduce; dúas ou tres coroas de flores ou algún centro da familia, máis algún o que poida pedir a xente de fóra; e unha lápida. E para de contar.

«Na provincia hai cento e pico largo de tanatorios e velorios, un caso único en España»

García Aliende di que o das funerarias foi un sector máis en alza do que agora.

-Somos menos, así que menos para morrer. ¿Inflúe ou aínda non afecta ao sector?

-Xa estivo máis en alza do que é, porque somos menos e o tema non é que vaia á alza. É un negocio finito se isto non cambia. Cada día imos ter menos xente, así que se as funerarias se manteñen e as persoas van a menos, morrerán menos... así que non sobreviviremos todos.

-Tense falado de que hai un bum de tanatorios, unha especie de nova burbulla inmobiliaria. ¿Comparte esa opinión?

-En Galicia penso que temos máis por habitante que en ningún sitio de España, pero con moita diferenza. Hai que pensar que na provincia de Ourense, entre velorios e tanatorios privados, e velorios públicos (de concellos e asociacións de veciños fundamentalmente) saímos a máis de un por concello. Iso non o hai por ningún sitio de España. Hai provincias moi parecidas a Ourense que teñen ao mellor 8 ou 10 velorios ou tanatorios, 15 como moito, e aquí falamos dun cento e pico largo.

-¿Son os ourensáns de incinerarse?

-Está medrando. Nótase un aumento notable. Non chegamos, por suposto, nin con moito, ao que son outras provincias como as andaluzas, onde hai outras costumes con respecto ao que é e a morte, que aquí non hai. Pero aquí está crecendo moito.

-¿Cantos crematorios hai?

-Hai tres na capital, que o municipal e dous particulares; outro en Verín e outro no Barco de Valdeorras. Creo que non esquezo ningún.

-¿Fan falta máis?

-Non, actualmente son suficientes. Algunha empresa ten dentro do seu programa do próximo ano facer ampliación de fornos.