«Imos gozar duns brancos de primeiro nivel»

OURENSE

LOLITA VÁZQUEZ

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando, fai balance dunha vendima difícil que se pechou con 4,1 millóns de kilos recollidos.

30 oct 2017 . Actualizado a las 18:35 h.

Unha vendima longa e difícil foi a que lle tocou vivir este ano aos viticultores e adegueiros de Valdeorras, e sobre ela fala o seu novo presidente, José Luis García Pando.

-Remata a vendima máis longa que se recorda en Valdeorras, ¿cal é o balance?

-Foi unha vendima longa que tivo que efectuarse gradualmente e en diversas fases por mor das xeadas acaecidas en abril. Comezamos a mediados de agosto e rematamos xa entrado outubro. Ao final, recolléronse 4,18 millóns de quilos de uva. Malia o descenso cuantitativo en relación ao ano pasado, a calidade da colleita de Valdeorras volve ser, un ano máis, excepcional.

-¿Atrévese a valorar como será a colleita?

-Polo que puiden falar cos viticultores e adegueiros, e pola miña propia experiencia en adega, creo que imos gozar de novo duns brancos de primeiro nivel. Os godellos volverán ser os viños máis emblemáticos da zona, pero tamén van ser moi bos os tintos. Neste ámbito, xunto coa mencía e a garnacha, destacan pola súa calidade variedades coma a uva brancellao ou a sousón, que aínda que son minoritarias en termos de produción, achegan cualidades que enriquecen moito os nosos viños.

-Hai quen ve con suspicacia que se falara de moitos danos polas xeadas e despois quedase a colleita en medio millón de quilos menos da do ano pasado. ¿Esaxeráronse os danos?

-Nun primeiro momento, a gravidade da situación fixo crer que podería producirse unha merma maior na produción. Pero, finalmente, o descenso quedou fixado en aproximadamente un 12% en relación ao 2016. Porén, as estatísticas cambian se se toma como referencia a produción dos últimos cinco anos. Daquela poderiamos falar de perdas do 40%. Sen dúbida, o inxente esforzo dos nosos viticultores e adegueiros foi fundamental para que a caída non fose máis acusada tras as terribles xeadas de abril. Encargáronse de coidar os viñedos, realizando coidados paliativos e, ao final, conseguimos que en moitos terreos fortemente afectados polas baixas temperaturas, a uva volvese agromar. Esta rapidez na reacción foi fundamental para poder salvar os mobles.

-Os viños de Valdeorras participan na campaña de difusión promovida pola Xunta en Madrid e París. ¿Como valora os resultados?

-Foi unha campaña conxunta con outras denominacións de orixe galegas. Creo firmemente que a promoción conxunta dos viños galegos é un camiño interesante para explorar por todos os consellos reguladores. Ao sumar sinxerxias, podemos compartir gastos e optimizar recursos e iso é algo absolutamente necesario. Xunto a isto, a campaña das «5 Galegas» destacou pola súa creatividade posto que ideou unha personaxe para cada unha das denominacións, en forma de botella de viño customizada. Penso que calou nos públicos obxectivo de Madrid e París, as dúas ciudades nas que esta campaña concentrou as súas accións. -¿En que outras actividades de promoción participará a D.O. en próximas datas?

-Imos participar en diferentes feiras. Do 9 ao 11 de novembro estaremos na de Hong Kong e xa no ano vindeiro temos ir a Prowein e á Feira de Londres. Será o pleno o que decida onde acudiremos, porque quero contar coas achegas de todos os representantes do sector para decidir que accións concretas de promoción fixamos. Xunto á promoción, outro eixo importante do consello regulador vai ser o da formación. Imos colaborar con diferentes entidades na posta en marcha dun programa formativo para o sector.

-Falouse de ir vender viño a Xapón. ¿Segue adiante a idea ou desbotouse?

-Xapón é un mercado moi interesante e xa realizamos no pasado unha acción promocional alí. De feito, hai adegas que están vendendo viño no Xapón (coma en case calquera outra parte do mundo), aínda que hoxe por hoxe a nosa prioridade vai ser China. Trátase dun dos foros máis relevantes no continente asiático. O consumidor medio chinés dispón cada vez dun maior poder adquisitivo e valora os viños europeos. Por iso, é un enorme mercado potencial que debemos ter moi en conta.

-As adegas falan de que unha colleita máis pequena impedirá poder medrar este ano, e que incluso se poden resentir mercados habituais por falta de viño. ¿Ten pensado algunha medida neste sentido o consello regulador?

-É certo que temos menor oferta que outros anos, ao igual que as outras denominacións galegas que se viron afectadas polas inclemencias meteorolóxicas. É máis, o problema afecta á produción española en termos globais. Aínda así, considero que non vai haber tal resentimento porque ao final estamos a falar dun descenso dun 12% na produción se comparamos a cifra coa do ano pasado. E isto vai pasar practicamente imperceptible en termos de mercado. Os viticultores demandan terreos cunha superficie axeitada, para

poder plantar viñas e, neste sentido, o minifundio da zona non favorece nada os cultivos. As administracións deberían articular ferramentas para corrixir esta situación porque precisamos máis superficie para que as parcelas sexan rendibles. Como presidente do consello regulador, comprométome a poñer estes problemas por riba da mesa ante as distintas administracións para urxir solucións. Porén, debemos ser realistas e contra axentes de forza maior coma os fenómenos meteorolóxicos adversos non sempre é doado loitar. Cómpre activar acción de formación e información para os viticultores e fomentar a contratación de seguros agrarios que poidan paliar parte dos danos. Creo que é niso no que temos que incidir.