Raigame dedica o seu último número ao Museo do Pobo Galego

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

IAGO CORTÓN

A publicación ten unha tirada de 700 exemplares

27 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo número -que xa fai o 41- da revista Raigame da Deputación está dedicado ao Museo do Pobo Galego, aproveitando o feito de que cumpre 40 anos.

A publicación recolle en 120 páxinas artigos e traballos de investigación que achegan unha parte substantiva da historia do Museo do Pobo Galego e da súa proxección, analizando a súa traxectoria, arquivos e coleccións. «É unha institución absolutamente necesaria para a nosa historia, cultura e etnografía», segundo as palabras do presidente da Deputación, José Manuel Baltar, que estivo acompañado polo director e o coordinador da publicación, Xulio Fernández Senra e Clodio González, e polo vicepresidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña.

Xulio Fernández recordo que no 77 tamén nace o colectivo Castro Floxo, o cal ao longo dos anos estivo a traballar na investigación da danza e da música. «Estas dúas entidades coincidirán na figura de Xaquín Lorenz», lembrou Fernández ao nomear o primeiro presidente do seu padroado.

Clodio González fixo un repaso polos traballos da publicación, vencellados principalmente á provincia de Ourense, con achegas de Fariña Busto, Fátima Braña, Carlos García, María José Fernández, Ana Mateos, Rosa Méndez, Concepción Losada, Manuel Villar, Dorothé Schubarth, Clodio González, Manuel Caamaño e Xosé Carlos Sierra. Os temas que analizan refírense ás orixes do Museo do Pobo Galego, á figura de Xaquín Lorenzo, ao patrimonio oral do museo, á provincia de Ourense na colección cartográfica do museo (1763 a 1936), ás construcións populares, e á etnografía referida á cultura do viño en Galicia.

Francisco Fariña remarcou que o museo «naceu como un valor institucional para recuperar o patrimonio que estaba en risco de perderse». E engadiu: «As transformación do mundo galego non son tan recentes, producíronse xa nos anos 30, e nos anos 70 existían elementos que estaban fóra da realidade. Por elo, o museo procurou recuperalos para que a xente os comprendera e entendera que a vida de xeito tradicional existía pero estaba mudando».

A tirada é de 700 exemplares, que serán distribuídos gratuitamente entre bibliotecas, centros educativos, concellos, museos e entidades de interese cultural.