Os Artistiñas volveron á casa de Otero para recoller o seu premio

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Trasalba acolleu a entrega do galardón do patriarca das letras galegas a Acisclo Manzano e Buciños

25 oct 2017 . Actualizado a las 13:23 h.

Á morte de Ramón Otero Pedrayo acordouse crear un premio de ámbito galego para manter viva a memoria do patriarca das letras galegas e recoñecer o traballo das persoas, institucións ou colectivos que se distinguiron a prol de Galicia e da súa cultura. Un galardón que na súa primeira edición, era 1977, recoñecía o traballo do escritor e dinamizador cultural Carlos Casares, a quen este ano se lle adican as Letras Galegas.

O xurado da convocatoria deste ano acordou, por unanimidade, concederlle o Premio Otero Pedrayo ex aequo aos escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños. O acto de entrega do premio, que convocan anualmente as catro deputacións e a Xunta de Galicia, foi entregado onte na casa grande de Cimadevila (Trasalba).

O presidente da Deputación de Ourense, entidade encargada da organización da convocatoria deste ano, salientou o feito de que «ámbolos dous honraron á Xeración Nós e por medio de Risco e Otero Pedrayo integraron os artistas ourensáns dos 50».

Segundo José Manuel Baltar, Buciños e Acisclo Manzano «son dous clásicos da arte con maiúsculas: transcenden modas, movementos e vangardas». O presidente do organismo provincial ourensá amosouse convencido de que o Premio Otero Pedrayo necesita que se lle dea «un pulo renovador» por parte das deputacións e da Xunta de Galicia «un esforzo común para adecualo aos tempos que nos toca afrontar», segundo sinalou José Manuel Baltar Blanco.

Outro dos aspectos nos que incidiu o político ourensán foi na proposta de que a entrega do premio se faga todos os anos na casa museo de Otero Pedrayo, espazo que é «referente de digna e fecunda galeguidade, atendendo á solicitude do novo presidente da Fundación, Juan Luís Saco Cid, unha circunstancia popicia, ideal para o futuro».

Os dous galardoados coincidiron en destacar a importancia de seguir promovendo os valores da defensa do galeguismo, da nosa lingua e da cultura que caracterizaron o traballo de Otero Pedrayo. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, representou á Xunta de Galicia no acto desenvolvido en Trasalba.