Presentaranse 32 novos modelos de coches en Expourense

La Voz OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Esta fin de semana celebrarase o 9º Salón do Vehículo Novo e próximo o de Ocasión

20 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Expourense convértese durante as próximas dúas fines de semana no maior concesionario de Galicia coa celebración do 9º Salón do Automóbil que presentará a oferta máis completa con coches, xa que nesta cita participan 17 empresas representando a 26 marcas que achegarán ata o recinto preto de 800 coches. Participarán como expositores todos os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, Acauto. Do venres ao domingo celébrase o Salón do Vehículo Novo, e dende o 27 ó 29 de outubro o do Vehículo de Ocasión.

Son dúas citas organizadas de forma conxunta entre Expourense e Acauto nas que todas as marcas aproveitarán a súa presenza para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2018. En total presentaranse 32 novos modelos, algúns deles poderanse ver por primeira vez en Galicia ou ata en España.

O 9º Salón do Automóbil é un magnífico exemplo da cooperación que Expourense mantén co tecido empresarial da provincia, apoiando e servindo de plataforma para o desenvolvemento do negocio das empresas locais. Dende Acauto indican que esta cita «incentiva o consumo e ofrécenos a oportunidade de repuntar as vendas. O formato que ten esta feira funciona moi ben, de feito noutras cidades xa nos teñen copiado, e ademais valeunos para levar un premio a nivel nacional por parte de Faconauto», tal e como explica o seu presidente, Ramón Seijas.

Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun autómobil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do precio de compra do vehículo adquirido. «Se repetimos os datos do ano pasado, quen merque un coche terá unha oportunidade entre 400 de que lle toque un desconto de 6.000 euros que non é mala porcentaxe», explica Ramón Seijas.

Estas citas contan co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense, que se suma a este proxecto, e Abanca, que reafirma un ano máis o seu apoio. Este ano repítese a colaboración entre Expourense e Acauto con Cáritas Ourense. Ademais os organizadores colaborarán de novo con Stop Accidentes, que contará cun stand informativo nestas citas e no que entregarán a aqueles interesados un adhesivo que ofrece (segundo a marca e o modelo do coche) unha «Folla de Rescate» que inclúe un plano do vehículo que facilitará o traballo dos bombeiros no caso de que fose preciso realizar unha excarcelación.

O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. O público poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.

O horario do 9º Salón do Automóbil será os venres 20 e 27 de outubro de 11.00 a 20.30 horas; os sábados 21 e 28 de outubro de 10.00 a 20.30 horas, e os domingos 22 e 29 de outubro de 11.00 a 20.00 horas. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (para menores de ata 12 anos a entrada é gratuíta).