Lume no 2018

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

20 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Alectura demorada das hemerotecas case que fai de proposta para unha viaxe no tempo na cal xa che costa distinguir se estás no século XXI ou en calquera década do último terzo da centuria pasada. Hai trinta, corenta ou vinte anos as novas deses xornais que xa son pasado, aínda que ao mellor non tanto como parece, falaban do mesmo que agora está a acontecer. A seca, o pedrazo que escachaba o gran das vides e as froitas, os baixos prezos que pagaban as adegas pola uva, os incendios que queimaban Ourense de punta a cabo, a marxinalidade dunha provincia atoada nun recanto camiño do mar...

No caso dos lumes a pegada dos mesmos xa hai 35 anos que contaba cun apartado especial na memoria do fiscal xefe, que naquel 1982 -resumo do exercicio 1981- falaba dunha situación que se facía máis grave a cada ano que pasaba e para a que non se topaba maneira de atallala. No verán deste 2017 as novas falaban da presenza dun realizador galego, de proxección internacional, que chegou á provincia para ter coñecemento do inferno do lume para o seu próximo proxecto e onte mesmo coñecimos que os traballadores das brigadas van á folga porque as súas condicións salariais non son as que consideran axeitadas.

Ao tempo escoitamos que se deixan sen investir moitos dos millóns prometidos nesa aposta polo rural que semella non chegar nunca.

Nese lugar común tan coñecido da prevención, o que sinala que agora mesmo comezan a extinguirse os lumes do verán do 2018, non haberá quen camiñe nos próximos meses. Morrerán os contratos da tempada e o abandono seguirá a rillar a provincia.