O rexedor de Trives, Francisco José Fernández Blanco, absolto de prevaricar, di que non admitirá os «antollos» de ningún funcionario
20 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O alcalde de Trives, Francisco José Fernández Blanco (1973), acaba de ser absolto dun delito de prevaricación por levantar un pleno extraordinario sen deixar intervir á oposición. El di estar satisfeito: «Iso de que, se a Xustiza é lenta, xa non é Xustiza non é de todo certo». Fernández lamenta, en todo caso, que non lle impuxeran as costas do proceso ao denunciante e tamén o dano que lle fixo politicamente o proceso porque «como di algún compañeiro, ser alcalde é unha profesión de risco e, se o es de Trives, aínda máis».
-¿Por que máis en Trives?
-Está claro, en Trives hai unha persoa que se chama Milagros Calvo Carballo, que lle leva feito moito dano a Trives.
-¿Que problema hai con ela?
-Cando levaba durante moito tempo exercendo competencias de decisión executiva e política e chega un alcalde que lle di que se limite a facer o seu traballo prodúcese este choque de trens.
-¿Quere dicir que actuaba coma unha alcaldesa?
-Toda a veciñanza de Trives sabe perfectamente quen é Milagros Calvo Carballo e o que facía. Por exemplo, consta por escrito no expediente disciplinario, e hai unha sentenza xudicial que xa o di, que o actual presidente da mancomunidade durante a súa ausencia por vacacións delegou nesta funcionaria as funcións de presidencia, as funcións executivas. Eses asuntos que se levaron a ese pleno en xaneiro do 2014 son unha proba evidentemente de quen estaba detrás.
-¿Por que, se realmente era así, no houbo ninguén que actuase antes contra ela?
-Eu falo de min. No que fagan outros non vou entrar. Eu limítome a manifestar o que di un instrutor nomeado polo Ministerio, que propuxo unha sanción de seis anos e non dun ano e medio, e á sentenza que recoñece que emitiu ata dez informes falsos co ánimo de prexudicar o labor de goberno e desobedecendo ademais instrucións da alcaldía. No que outros fixeron ou deixaron de facer non vou entrar. Nós decidimos non permitir que gobernara outra persoa que non fora o alcalde ou o seu grupo de goberno.
-¿Decidiu vostede readmitir á secretaria despois de saber que o chamaran a declarar precisamente por non facelo?
-É que a día de hoxe aínda non teño ningunha notificación do xulgado; o que hai é tratar de menoscabar a miña imaxe pública, pero eu anuncio que non nos imos cansar nin imos permitir que ningún funcionario polo seu antollo faga que o Concello de Trives perda subvencións ou non entre nun obradoiro de emprego. Vou tratar de explicalo de forma concisa: Hai unha resolución na que a condenan a un ano e seis meses de sanción que é obxecto de recurso tanto pola súa parte como pola parte da alcaldía. Ela solicitou a suspensión cautelar e, entretanto, hai unha sentenza que confirma a sanción, pero a Audiencia Nacional sorprendentemente estímalle o recurso. Prodúcese un choque das dúas resolucións e a día de hoxe sigo dicindo que non tiña ningunha obriga legal nin xudicial de readmitila. Vinme obrigado a facelo porque nin a Xunta nin a Deputación me designaban un secretario ou un interventor para resolver expedientes ou aprobar as contas.
-¿Pensa vostede que os secretarios municipais teñen demasiado poder?
-Eu son un firme defensor e eloxio aos secretarios e interventores, pero en todo hai garavanzos negros e Milagros Calvo Carballo é un garavanzo negro. Outra cousa é que o colexio de secretarios e interventores saia defender a un garavanzo negro; iso si que é criticable. Sobre como funciona o sistema, todo é mellorable. É difícil de entender que un alcalde non teña absolutamente ningunha capacidade disciplinaria sobre eses funcionarios.