«Haberá unha vendima primeiro e outra tardía, esta vai ser longa»

O que fora líder do consello regulador desde 2006 a 2015, José Luis García Pando, recupera o mando coa premisa de que non pensa eternizarse no posto e que lle gustaría dar o relevo nun par de anos


Foi o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras desde 2006 ata 2015, cando a falta de apoio o levou a dimitir. Agora José Luis García Pando volve ao cargo, apoiado pola maioría dos vocais.

-¿Como vai a aterraxe?

-Estamos revisando o estado de contas, e as cousas pendentes, para ver como se afronta todo. Había unha pequena falta de liquidez pero agora coas taxas xa se arranxa, e tamén temos que ver as subvencións pendentes de xustificar.

-Moito se ten falado das contas, ¿viron algo raro?

-Aínda non deu tempo. Pero tampouco se trata de buscar nada raro; só queremos saber co que contamos. Había unhas partidas pendentes ás que hai que facerlles fronte como as nóminas dos traballadores e a Feira do Viño, e había un pequeno desfase de liquidez. Queremos facer un cálculo dos posibles ingresos e ver como se está a día de hoxe para ver as inversións que se poden facer, sobre todo en promoción.

-¿Que ideas trae? ¿Que hai que facer que non se fixera?

-As ideas teñen que partir do grupo que levamos tempo traballando, falando de como vemos o consello. A función do presidente é poñelas en práctica. Os obxectivos sempre son os mesmos: potenciar a marca Valdeorras e axudar a que as adegas vendan ben o viño, que dea marxe de beneficios, e que os viticultores tamén teñan un prezo de uva máis que razoable. Son fáciles de diagnosticar, pero as formas de conseguilo é onde temos que romper a cabeza, con ideas creativas, porque con diñeiro non podemos competir con outras D.O. que nos superan. Os nosos recursos son limitados. Por iso pretendemos que o consello regulador sexa a casa de todos. As iniciativas non só teñen que partir dos que neste momento estamos aí. Tanto viticultores como adegas poden ter ideas tan boas ou mellores que os que estamos dentro. Ímolas analizar todas para ver as que podemos levar a cabo.

-¿Algún mercado na cabeza para entrar?

-Os mercados son moi cambiantes duns anos para outros. O que parece un mercado morto, en dous ou tres anos pode ser un mercado importante... Pero hai mercados clásicos nos que hai que incidir: o nacional, os comunitarios, e Estados Unidos, fundamentalmente, sen quitar outras zonas como México. Seguen sendo mercados de toda a vida de consumo de viño onde é máis fácil estar, pero tamén hai máis competencia para vender.

-¿Que lle falta de promoción ao godello?

-Quizais é máis que lle falta de promoción a Valdeorras, non ao godello. Non temos que promocionar variedades, como se fai a veces, porque pode dar moi bos froitos a curto prazo, pero á larga outras denominacións poden plantar a variedade e coller mercado. O que temos que potenciar é a marca Valdeorras, que a podemos asociar a godello de Valdeorras, a mencía de Valdeorras... A idea é potenciar Valdeorras, como zona de produto de calidade. E en godello somos a única D.O. que obrigamos que teña que ser o 100% da variedade para levar a etiqueta.

-Coa súa marcha parouse a certificación Enac. ¿Interesa retomar o proceso?

-Non é que non interese, é que aínda que non queiramos, non queda máis remedio. Hai dúas formas de velo, entrar cando nos poñan a pistola no peito e teñamos que entrar, ou sacala antes con vontade de facelo ben. E esa é a nosa vontade. A acreditación é un papel que acredita que estás facendo as cousas ben, segundo o que marca o manual de calidade e o regulamento da D.O. Temos a vontade de facelo cumprir.

-¿Cando fala en plural, de quen fala?

-Os vocais e o grupo que está apoiando, adegas, o SLG e Viticultores Independentes; os que me elixiron presidente.

-¿Propúxose para o cargo ou ofrecéronllo?

-Había unha situación creada de moitas cousas que non víamos claras; e pensamos que sería complicado levar o traballo para adiante para alguén que non tivera experiencia como vocal ou presidente. Chegamos a un acordo de que eu sería a persoa adecuada. Iso non quita que igual dentro de certo tempo, se todo vai como debería ir, e as cousas funcionan, se consigue a acreditación e hai unha situación máis levadeira, poida calquera dos compañeiros tomar o relevo. Non me vexo eterno neste posto. Estaría encantado de que un compañeiro tomara as riendas, pero gustaríame darlle o relevo con garantías de que van cousas ben.

-¿Como vén a vendima?

-Complicada, porque haberá unha vendima, despois outra, e pode alargarse bastante tempo. Onde non caeu pedra hai uvas listas e a finais de mes calculamos que a moitas adegas, case a metade, estean empezando a vendimar. Pero tamén depende do tempo. Son previsións, porque de momento non hai perspectivas de chuvias, pero se en 10 días vén a chuvia, retrasa todo.

-¿E a tardía?

-As cepas que rebrotaron e teñen produción, van estar con tres semanas de diferenza coas iniciais. Igual nun sitio empezan a coller todo o godello e despois en tres semanas teñen que facer outra vendima porque as que rebrotaron maduran máis tarde, veñen con dúas ou tres semanas de retraso

-¿Recuperouse moito do que se perdeu?

-Recuperouse unha parte, pero é moi desigual, segundo a zona e a variedade recuperouse moito ou apenas nada.

-Como vén a uva?

-A uva está nun estado sanitario óptimo, con estes calores, sen problemas de mildeu nin ningún tipo de enfermidades. Está san, ideal. Faríalle falta un día de chuvias para que incharan e aumentaran a produción... pero como non depende de nós.

Pie FOTO AXENCIA

García Pando quere potenciar a imaxe de calidade do viño de Valdeorras

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Haberá unha vendima primeiro e outra tardía, esta vai ser longa»