«Espero que o meu legado teña unha continuidade. É patrimonio de Ourense»

ALEJANDRO ÁLVAREZ / R. N. P. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Álvaro Vaquero

Foxo acaba de recibir un prestixioso premio, en Kosovo, pola súa aportación persoal á música tradicional

20 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Lois Foxo leva case 33 anos ó fronte dunha das institucións musicais máis importantes de Galicia a Real Banda de Gaitas da Diputación de Ourense. Ademais, outros tantos anos adicándose a recuperar esas pezas rítmicas que forman parte da historia da comunidade. Por esta labor, fai uns días recibiu, en Kosovo, o premio IGF Gold Star que entrega a Federación Internacional de Folclore.

-Que significou para vostede recibir o premio da Federación Internacional de Folclore?

-Para min foi un dos primeiros recoñecementos que recibín dende fora de Galicia. É moi interesante, non tanto pola miña persoa senón polo que significa a música de Galicia. Que se me entregue este galardón, dende unha das áreas onde se aprecia máis o concepto do folclore, que é extraordinario nestas zonas de Europa, ten un mérito importante.

-É un galardón dos moitos recibidos. Cal recorda con máis agarimo?

-Un dos premios que nos animou moito foi o título de Real que nos concederon os reis no ano 1993. Foi importante que a Casa Real recoñecera tanto o meu traballo como o da Escola de Gaitas. Tamén recibimos as chaves de diferentes cidades. Son recoñecementos non tan só a nivel musical senón a nosa labor social e educativa de centos de rapaces que aprenden na nosa escola a tocar a gaita.

-Todas esas distincións son un recoñecemento a case media vida adicada ao folclore. Cómo naceu esa paixón?

-O traballo no campo da musicoloxía e na recolleita de campo é o meu traballo descoñecido. Ese traballo calado é o máis importante. Levo dende o 1965 recollendo soportes sonoros co fin de salvar do esquecemento o patrimonio e a historia musical de Galicia. Salvar do olvido a música auténtica foi o que máis se recoñeceu neste último premio.

-Entón o mundo da música tradicional é algo que esixe constante investigación?

-En calquera manifestación artística é necesario renovarse. Nós o que facemos é coller música vella e recreala. Non podemos anquilosarnos. A Real Banda de Gaitas sempre tivo unha diferente dimensión. Para vivir hai que renovarse e debemos adaptarnos aos novos tempos.

-Cal é ese seguinte paso de renovación?

-Agora mesmo estou producindo un disco en colaboración co meu fillo Marco cos mellores músicos de música étnica do mundo. Vai ser un traballo de música para escoitar, música de paz.

-Vostede tamén compón. En que se inspira á hora de escribir as partituras?

-Inspírome sobre todo na música que eu recollo, nesas formulas rítmicas da historia de Galicia. Sempre quero darlle un aire para a nosa historia e cun sabor a nosa terra.

-Leva 32 anos na dirección da Escola de Gaitas da Diputación de Oruense. Que lle gustaría que ocorrera co legado que creou cando non poida desempeñar o cargo?

-Teño o museo máis grande de cornamusas. Primeiro gustaríame que ese museo tivera un espazo para axudar a enriquecer Ourense. Tamén gustaríame que se creara unha cátedra de gaita cun plan de estudos. Sobre o tema da banda é máis complicado xa que é un traballo de amor aos rapaces. Espero que o meu legado teña unha continuidade. É patrimonio de Ourense.

«Salvar do olvido a música auténtica foi o que máis se recoñeceu neste premio»

«Gustaríame que se creara unha cátedra de gaita cun plan de estudos»

«Cando a disciplina pasou de moda no mundo, nós a aplicábamos como lei»

-Como ve o futuro da escola que dirixe?

-Depende moito das persoas que sexan capaces de poñerlle amor. O que precisa é unha vida dedicada a isto, como en todo. Neste momento non temos problema, a Real Banda está funcionando bastante ben. Temos proxectos de visitar Arxentina, Brasil e, en outubro, Roma. Temos máis actuacións das que deberíamos facer. O mérito está simplemente en que temos rapaces cun gran nivel.

-E como se consigue ese nivel que é sinónimo de bos resultados?

-Todo ten que ser moi meticuloso e ben deseñado. É necesario un plan de estudos ben organizado como o que temos nesta escola.

-A constancia é un factor importante?

-Si. A constancia derívase da filosofía ambiental. Dicíame o outro día Cristina Pato, que ela funcionara polo mundo grazas a disciplina que lle transmitiramos aquí. Cando a disciplina pasou de moda no mundo, nós a aplicábamos como lei.

-Como cambiou a escola nestes 32 anos?

-O que conseguimos durante este período foi un aprecio social. Que a xente diga Real Banda en calquera parte do mundo e a relacione con algo sublime. Cando eu comecei con isto quería crear unha banda de gaitas que levara o nome de Ourense e Galicia polo mundo; e neste tempo conseguímolo en base a crer no que facemos.

-Cal é a actuación da que mellor recordo ten?

-Fixemos cousas moi bonitas. Por exemplo, o concerto que dimos na Muralla China con 120 medios acreditados de todo o mundo. Cando actuamos en Exipto, no atardecer e para 6.000 persoas tamén foi unha das máis importante para nós.