As cousas non se fan así

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

28 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Asemana pasada esa gaiola de grilos que son as redes sociais estaban que fervían coa noticia «El TSXG señala que la hija de un médico del CHUO tuvo un trato preferente en una cesárea». Non vou entrar eu en se as doenzas que sufre a muller son consecuencia da anestesia ou non, que para iso están os peritos forenses e os médicos -que son os que entenden-, non eu. Non vou entrar en que me parece iso de usar as influenzas para ter un mellor trato. Eu no que quero entrar -e sobre o que o Sergas creo que debería dicir algo- é: ¿os traballadores que estaban nesa cesárea, seguen sendo traballadores públicos? ¿Non foron suspendidos do seu posto? ¿Nin sequera se lles abriu un expediente? Porque o que na sentenza queda máis que claro é que aquí había uns recursos públicos (que pagamos vostede e eu, e que asumimos as listas de agarda) que sufragan un sistema sanitario que se usou coma se fose a casa da praia de alguén, que invita un sábado á tarde a quen quere. Quero crer que todos eses que estiveron nesa cesárea programada a gusto de non sei quen, pero fóra das normas, tiveron que sufrir consecuencias por facelo. Estou farta de escoitar que se vas pola privada o médico que tamén está na pública despois apúrate na lista de espera do Sergas, ou que te manda ir cando está de garda para así «colarte» nunha proba. Estou farta de escoitar iso de «se eu puidera, tamén o faría; e seguro que ti tamén de verte no caso». E así nos vai, con cesáreas e reanimacións á carta por ser alguén quen é; ou con xente que vota ao PP só porque así lle enchufan un fillo na Deputación. As cousas non se fan así.