Sempre é o momento

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

07 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca é tarde para darlle unha volta á vida e tratar de buscar a felicidade. Esa que é tan efémera e caprichosa. Ana Barrio decidiu con corenta anos que volvería coller os libros e regresaría ás aulas... E aí está, tres anos despois cun novo título e un premio que a acredita como unha das mellores estudantes de FP de Galicia. Seguro que hai moitos que cos seus anos pensan na posibilidade de cambiar -estudando ou noutros ámbitos da vida- pero non son quen de dar o paso (ou que non teñen o apoio que Barrio recoñece que tivo para poder facelo). E aí está ela, gozando desa felicidade. Foi un esforzo e houbo que mentalizarse, recoñece, mais pagou a pena dar o salto, saír da tan manida «zona de confort» e arriscar. E agora está feliz, máis do que probablemente xa era (iso xa queda no seu ámbito privado). Logrou ese sentimento que ás veces se antolla complicado de conseguir. Ás veces porque non somos quen de atopala, e outras porque non somos quen de gozala. Quizais ás veces temos tantas gañas de lograr iso que se chama felicidade, que cando a temos diante da cara (cando a temos, en definitiva) non a vemos. Será que ser feliz non se ensina no colexio, nin na casa, nin en ningures. Ser feliz sucede, vaise facendo sumando apartados da vida e ás veces toca incluso saber recoñecer o sentimento. Mais tamén hai que arriscar e buscar a felicidade, caer e levantarse. E seguir buscando. E unha vez que se atopa, non conformarse. Porque a felicidade sempre pode medrar, pode ir a máis. Non ten límite. Estou segura. Porque a felicidade, como o amor, pode ser infinita.