Agarda

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

03 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Firme defensora da sanidade pública como son, non sempre estou contenta con ela. Non co trato dos profesionais -do que non teño queixa, mais tampouco son das que loa que o persoal sanitario se comporte como xente, que a min iso paréceme fundamental, e normal-, senón coas listas. As estatísticas sempre din que as cousas melloran. Pero como cantaba Calle 13, «las matemáticas no tienen alma» e os números, por tanto, tampouco... E sopórtano todo. Pero claro, despois andamos polo mundo. E de repente sabes de alguén que leva tres meses esperando unha cita co traumatólogo no hospital do Barco. Non esperando a consulta, non; senón esperando a ter unha data para saber cando a recibirá o especialista. Ou cóntanche (fonte máis que fiable) que desde o da Coruña mandan á mesma doente dúas cartas dicíndolle que xa lle chegará outra máis dándolle cita cun neurocirurxián. Que xa saben que é doente preferente. E claro, esas agardas non están nas listas. E claro, así as estatísticas din o que din. Pero non din o certo. Ou só ensinan a parte certa que queren ver. Agora que vén o verán, ¿non sería bo momento de non pechar camas nin baixar consultas e operacións e así poñer esas listas a cero? Igual como profana desde fóra vexo moi fácil algo que non o é. Pero así, a bote pronto, unha idea que sempre se pon na mesa cando chegan estas datas, segue a non ter unha contestación oficial que me convenza. Anda que non sería marabilloso que chegado setembro a lista de agarda para algunhas especialidades ou cirurxías (supoño que nos tres meses de verán non se solucionarían todas as demoras) fora cero. Iso é o que eu agardo.