Micromecenas

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

12 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos de noraboa. Todos. O grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) acadou -precisamente polo aporte non de todos, pero si de moitos- os 500.000 euros que precisa para traballar no desenrolo da biopsia líquida. Estamos de noraboa por ter demostrado que ás veces somos quen de rascar o peto por unha boa causa -e pese a que despois xente como os pais de Nadia ou Paco Sanz usen precisamente a boa fe dos demais para gañar cartos- e tamén porque todo o que se corresponde con investigación médica interésanos. Pode ser que non agora. Ou si. E pode ser que non para nós. Ou si. Pero difícil é atopar a alguén que non teña na familia un enfermo de cancro. Así que estamos de noraboa. Por iso. Non por outras cousas. Parece mentira que un proxecto de investigación oncolóxica teña que andar pedindo cartos á sociedade para sacar unha investigación adiante. E aí estivo á cabeza o valdeorrés Rafael López, xefe do servizo de oncoloxía de Santiago, facendo campaña. Non só deu charlas en auditorios ou en lugares «oficiais», senón que non escatimou esforzos nin tempo libre para falar do proxecto incluso nos bares. Non na barra do bar, non, senón usando as tabernas como punto de encontro no que chegar á sociedade. Esa mesma que pode enfermar. E esa mesma que tan ben leva respondido. Non parecen sociedade os políticos aos que lles tocaría defender o proxecto e que debe ser que non o viron interesante e por iso non puxeron os cartos de todos para apoiar un proxecto que non beneficiaría (aínda que oxalá nunca nos fixera falta) a todos. Será que eles non son todos.