16 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Imos quitar as billeteiras dos trens porque hai poucos usuarios. Imos concentrar os exames de conducir nas capitais porque hai poucos alumnos nos centros das comarcas. Imos agrupar os rexistros da propiedade naqueles casos que teñen poucos asuntos. Só falta dicir: «Imos pechar o rural porque, para os que son...». Iso parecen dicir en Madrid cando pensan en retirar servizos e só se basean en números. Os números non o son todo, e sobre todo, non somos todos. Cada vez que en Madrid pensan en reducir custes dalgunha maneira (ou nin iso, como é agora o caso dos rexistros) a solución pasa porque saian perdendo aqueles que viven máis afastados das grandes vilas. Xa non falamos de gañar servizos, falamos de conservar os que hai. E cada servizo que se mantén é despois dunha loita política e cidadá. ¿Acaso desa forma falamos de potenciar o rural? ¿Acaso desa maneira estamos apostando por manter o debuxo actual de Galicia? Parece que non. Que a idea é que todos acabemos vivindo en Madrid. Ou, como moito, en Vigo. ¿E o resto? Pois a monte. Só así se explican as medidas que en aras do aforro marcan os que mal nos gobernan. Ás veces parece que hai alguén na capital do Estado pensando a maneira de ir afogándonos para que nos fartemos e desistamos. Acabaremos todos amontoados nas cidades, facendo non sei o que, e comendo xa veremos... Aínda que para chegar a esas cidades o camiño non será sinxelo. Só falta ver como esta a N-120, esa que agora ata o Partido Popular ve que dá noxo. A ver se agora que os seus tamén o sofren, desde Madrid (oh, sempre Madrid) deciden facer algo para que deixe de ser unha fochanca.