Xosé Rivada inaugura na Casa de Galicia en Madrid o seu proxecto «Ideas fuxidas», con escultopinturas e esculturas

La Voz

OURENSE

rosa figueroa

A mostra estará aberta ao público na delegaciòn da Xunta ata o 31 de marzo

02 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 31 de marzo (inaugúrase hoxe) • De 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Festivos: de 10.00 a 14.00 horas) • Casa de Galicia en Madrid • O artista verinense Xosé Rivada é o protagonista da actividade que está prevista para esta tarde na Casa de Galicia en Madrid. Para as 19.30 horas está fixada a inauguración do seu novo proxecto creativo: unha colección de escultopinturas e esculturas que conforman a mostra titulada «Ideas fuxidas». O artista botou meses preparando o proxecto que hoxe se abre ao público na delegación da Xunta en Madrid -xa adiantaba o traballo que estaba a desenvolver nunha entrevista asinada por Sindo Martínez e publicada en La Voz de Galicia en outubro- e no catálogo da mostra a crítica de arte Tareixa Taboada lembra que «Xosé Rivada expresa, a través da súa obra de grande honestidade, a súa bonhomía, un coñecemento sedimentado da práctica artística, unha gran sensibilidade e un temperamento artístico singular e maiúsculo».

Taboada fala no seu texto da evolución das escultopinturas de Rivada «a través do dripping, goteos, elementos integrados pola colaxe e acumulación de materia, propón un orden propio ao entropein creativo que rescata no tema existencial desde unha visión arqueolóxica, resto fósil dunha civilización metálica e unha sorprendente vitalidade plástica». A escultura do artista, segundo a crítica, transforma os volumes xeométricos en pezas que inciden na «sublimación do valor expresivo no discurso narrativo que concilia iconografía e estilo».