Sinxela e simpática brutalidade

OURENSE

MIGUEL VILLAR

As Teixugueiras xa ten o seu «Trump», feito a machada cun alegre ritual que precede á festa rachada de hoxe

28 feb 2017 . Actualizado a las 12:41 h.

Os veciños das Teixugueiras (Cartelle) demostran cada ano que se pode pasar moi ben no entroido gastando ben pouco. Do tronco dun piñeiro labran un meco do que fan un pandeiro durante dous días de festa rachada. Ata o monte nos leva Laureano, un dos veciños. Alí están xa cortando o piñeiro que cede o padriño deste ano, Darío, O Quiñote, que será o encargado de bautizar e pórlle nome ao meco. Había unha pista de cal podía ser no cartel da festa: a foto de Trump. Cada ano elixen un persoeiro político coñecido e esta vez tocoulle ao americano.

«Que feo é!», opina unha das mulleres, mentres trasladan o tronco entre cánticos e cordas ata un camión. Lévano ata o Outeiro da Choza e alí lábrano. Despois de tomar medidas da peza, tocou tomar por consenso a primeira decisión: con cal pirola, das dúas polas que tiña o tronco, quedaría o meco? A cerimonia seguírona unhas corenta persoas, con gaiteiros e fogueteiros no grupo.

Manuel, o Carrizo, dá habilmente os primeiros cortes coa motoserra. Finalmente deciden que mellor a pirola que queda mirando para baixo. Total, o Trump xa está vello, razoan. Logo empezan, á machada, coa cara, a papada, as orellas -feitas con latas de sardiñas, logo de repartir o contido entre nenos e maiores- e ollos furados con moedas de cinco céntimos. Parece un Trump. O meco sempre parece o nome que se lle da, reflexiona alguén.

Pero falta bautizalo. Ata a poza da fonte levan o meco e alí o padriño pregunta: Que nome queredes, o trompas ese? O Trump?». Bótalle viño por riba e logo tírano á poza. Dúas veces para que quede ben mollado. A chuvia fixo escapar aos mozos do pobo e o meco sobe ata a capela a bordo da camioneta. Alí costa poñelo en pé, diante do cruceiro. Colócanlle unha gravata rosa e unha perruca rubia e todos o tocan. Pola noite, unhas setenta persoas participarían na cea común e logo saían polas bodegas da aldea.

Hoxe a mañá os nenos e mozos esconderano e todos terán que pasar tempo buscándoo para subilo no carro e volver a turrar del dun lado para outro, baixando polo Cótaro e subindo pola Barreira. Así o levan ata o Outeiro do Meco, onde haberá unha nova loita polo símbolo desta festa ancestral e aínda auténtica, pola súa sinxeleza e simpática brutalidade.