Isabel Mociño, profesora universitaria: «As novas xeracións están totalmente castelanizadas, hai que cambiar a tendencia»

La Voz

OURENSE

27 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Isabel Mociño é docente na facultade de Ciencias da Educación do campus provincial.

-Que lle parecen estes datos?

-E complicado valorar o informe porque non sei os criterios cos que se fixo, pero penso que o preocupante na sociedade galega é o feito de que as novas xeracións están totalmente castelanizadas, incluso en contornos galegofalantes. Ti podes falarlle a un nego en galego e escolarizalo en galego, porque vai a aprender perfectamente a lingua castelá. Aquí en lugar de ver o galego como unha riqueza para os nosos fillos, porque lles vai a abrir portas en todo o mundo lusófono, vémolo como un atranco.

-Cre que isto é preocupante?

-Si, e é certo tamén que a nivel institucional, ferramentas que estaban funcionando, como o audiovisual galego do Xabarín Club, que era un elemento de normalización, foron cortados de raíz, e iso é outro resorte máis para a castelanización.

-Como é a situación no campus, onde se forman os futuros mestres?

-Eu que dou a materia de lingua é literatura galega na facultade de Ciencias da Educación, observo que dos cen alumnos que teño cada ano o 80 % teñen como lingua principal o castelán. Contra iso non podes facer moito, porque para crear conciencia do propio fai falta que se involucre todo o entorno e as institucións.

-Qué se pode facer para invertir esta situación?

-É necesario un cambio de tendencia, unha educación cultural moito más ampla, e hai que remontar a autoestima, valorar o propio no sentido de coñecer quen somos. Iso faise con persoas concienciadas que movan a sociedade. Hai que implicar a todas as persoas, empezando polos propios pais.