A RAG achega o universo literario de Carlos Casares aos colexios

c. ponce NIGRÁN / LA VOZ

OURENSE

Cedida

Presentou un proxecto en Nigrán que permite á comunidade educativa coñecer a obra do escritor

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega, presentou onte no colexio Carlos Casares da parroquia de Vilariño, en Nigrán, o proxecto web Primavera das Letras. Neste portal, o profesorado de educación infantil e primaria, o alumnado e as nais e pais poderán acceder a propostas didácticas, algunhas delas interactivas, para coñecer o universo literario e vital do escritor ourensán Carlos Casares. As actividades permiten aos escolares traballar tanto dende casa como na aula non só os aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias sobre o medio natural e social, a historia ou a educación artística, entre outros campos.

O centro escollido para a presentación, antigamente coñecido como CEIP Vilariño, bautizouse como Carlos Casares pouco despois do pasamento do escritor. Desta forma, réndese homenaxe «ao veciño que traía os seus fillos a este colexio e que soubo amar a súa lingua e mirar para fóra, para compartir e aprender», sinalou a directora do centro, Ana Domínguez. A profesora foi a encargada de conducir o acto, no que un grupo de estudantes de quinto e sexto de primaria interpretaron un anaco d? A galiña azul, a primeira obra do autor destinada ao público infantil. Os asistentes ao acto tamén puideron escoitar nas voces dunha nai e dunha alumna unha parte de O principiño en versión orixinal francesa e na súa tradución ao galego, obra de Casares.

O escritor ourensán, que será homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, escribiu dúas das súas novelas máis recordadas, Deus sentado nun sillón azul e O sol do verán, ademais de varios contos, no seu fogar da parroquia de Vilariño, a escasos cincocentos metros do colexio. «Vilariño é o lugar onde viviu máis tempo e tamén onde pasou máis tempo escribindo. O pobo era para el un refuxio, vir aquí era un remanso de paz», recordou Hakan Casares, un dos fillos do escritor, que estivo presente no acto. Na súa casa de Nigrán, precisamente, escribía a súa columna diaria Á Marxe para La Voz de Galicia.

Compromiso

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, destacou na súa intervención o empeño que o equipo docente do centro pon en que o alumnado se achegue á literatura a través da obra de Carlos Casares o que, segundo Alonso, «é unha maneira de que queden comprometidos para sempre coa literatura galega».