Na compra

OURENSE

09 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vou maior. Nótoo cada vez que vou facer a compra e saio escandalizada polos prezos aos que están os produtos básicos. Estes días entrar na froitería ou mirar as verduras é case un acto de valentía. Hai produto que se están volvendo prohibitivos, eses mesmos que desde o sistema sanitario nos din que hai que comer cinco veces ao día, para ter unha alimentación san. San e carísima. Haberá quen diga que se pode prescindir doutras cousas máis innecesarias, e que tamén metemos na cesta da compra, e así poder comer froita e verdura, e pescado, e carne... Certo. Pero entón penso nesa xente que chega apurada a final de mes, que ten que cadrar todos os gastos porque calquera imprevisto desbarata as contas, e sei que hai xente -xente que vive ao noso redor- que ten que renunciar á froita estes días porque os prezos asustan e non hai para tantas alegrías. Nin para facer máis recortes. Que niso hai familias que aínda lle gañan ao Goberno, por difícil que pareza. E despois chega a factura da luz, nun país no que imos case a encoro por concello -porque por comarca quedaba curta- e un queda abaneando. Supoño que ser adulto é iso, ver a gran cantidade de cartos que consume o día a día. E ser un adulto en apuros é ver que o que cobrar non dá para pagar esas cuestións básicas. O comer e o estar ao quente na casa. Non falo de ir en manga corta polo salón en plena vaga de frío, falo de non pasar frío polar mentres un anda pola casa. A pobreza enerxética está aquí, rodéanos case a diario. Hai nenos que só están ao quente no colexio, e que só proban a froita no comedor escolar. Ás veces penso que non é tan importante buscar auga en Marte.