O Camiño de Inverno será dado a coñecer en Suíza no mes de xuño

Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra prepara unha viaxe a Berna, Zürich, Lucerna, Thun, Interlaken, Xenebra, Lausana e Friburgo

.

Monforte

A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra iniciará este domingo o seu calendario anual de actividades cunha marcha polo Camiño de Inverno na comarca de Lemos. O programa foi presentado onte en Monforte pola presidenta do colectivo, Aida Menéndez, e por outros integrantes da directiva, e -como é habitual- comprende percorridos por diversas rutas xacobeas. Para este ano está prevista ademais unha viaxe cultural a Suíza, que os membros da asociación aproveitarán para realizar actividades divulgativas sobre o Camiño de Inverno. A viaxe levarase a cabo entre os días 1 e 7 de xuño e comprenderá visitas ás cidades de Berna, Zürich, Lucerna, Thun, Interlaken, Xenebra, Lausana e Friburgo, así como o distrito de Gruyère.

Aida Menéndez sinalou que en todos os percorridos que se organizan fóra do Camiño de Inverno, os membros da asociación levan folletos e documentos sobre esta ruta para dala a coñecer nos lugares que se consideren máis convenientes, como as oficinas de turismo ou os albergues de peregrinos. Durante a viaxe a Suíza tamén se pretende divulgar este itinerario e con tal fin o colectivo xa contactou cunha asociación de amigos do Camiño de Santiago radicada en Lausana. O país helvético conta cunha importante tradición xacobea e polo seu territorio pasan dúas rutas que enlazan cos camiños de Santiago que discorren por Francia, polo que a asociación espera encontrar boa predisposición.

Votación
0 votos
Comentarios

O Camiño de Inverno será dado a coñecer en Suíza no mes de xuño