«'Eroski Paraíso' é unha obra de memoria colectiva e desarraigo»

OURENSE

José Manuel Casal

Chévere, que prepara a montaxe do seu 30 aniversario, chega coa súa nova montaxe escénica

12 ene 2017 . Actualizado a las 21:21 h.

Días 13 e 14 • 20.30 horas • Teatro Principal • De 10 a 15 euros • A compañía Chévere chega coa súa nova montaxe escénica. Un proxecto, Eroski Paraíso, que naceu a partir dunhas xornadas de exploración da memoria colectiva en Muros. Alí houbo en tempos unha sala de festas, a Paraíso, que era unha referencia para a xuventude da comarca. Pechou en 1990 e rematou converténdose nun supermercado Eroski. Na nova montaxe de Chévere os protagonistas, Eva Martínez e Antonio Formoso, lembran os tempos nos que se coñeceron na Paraíso -que funcionou entre 1972 e 1990- e remataron casando. Foron á emigración. Eva voltou á vila e traballa no Eroski e Antonio segue en Canarias. A súa filla Alexandra acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e volta a Muros para rodar a súa primeira documental: unha película sobre os seus pais.

-Como nace a aposta por mesturar cine e teatro?

-En principio a idea era facer unha curtametraxe, aínda que logo optamos pola montaxe teatral. Daquela a obra ten moito de audiovisual dende a súa orixe, aínda que iso non é o máis relevante.

-O Paraíso é o símbolo da mememoria colectiva?

-O espectáculo incide na transformación dos espazos que tiveron protagonismo na memoria colectiva. Aquelas salas de festas que eran os espazos de socialización e diversión, tamén de evasión, naqueles tempos de finais da ditadura e a transición. E todas con aqueles nomes tan evocadores: Paraíso, Edén, Verxel... Foron os lugares onde os da nosa xeración viviron o inicio do estado do benestar e que logo, correndo o tempo, todo virou máis cara a unha sociedade de consumo. Agora son áreas comerciais -tipo Eroski, Gadis, Mercadona ou semellante- e o pracer reside en encher o carrito da compra, canto máis mellor.

-Son os tempos idos?

-Xogamos un pouco con iso, coa promesa dun paraíso que se podía coller case coa man e como logo as cousas non foron así. E polo medio houbo de todo: os problemas dos 80, as drogas, a crise e todo o demais. Con todo a reflexión fala de novas realidades: mellor un Eroski que pechado.

-A emigración e o desarraigo tamén son os protagonistas?

-Como pasou en toda Galicia e nas zonas de costa en xeral. Os protagonistas coñecéronse na sala Paraíso, casaron porque ela quedou embarazada, e logo tiveron que buscarse a vida. Ela voltou para coidar á nai, e atopou traballo no Paraíso, e el sigue en Canarias. E a filla, que tamén emigrou para se formar, agora roda unha documental sobre a historia dos seus pais. E a rodaxe acada protagonismo na montaxe.

-Van tres semanas a Madid. O premio nacional abre portas?.

-Entendo que si, particularmente fóra. Estivemos en Donosti e agora imos ao Matadero, de Madrid, e Valencia.