A directora de Turismo destaca a incorporación á oferta de San Clodio do SPA de viñoterapia

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Nava Castro visitou as obras que se están a desenvolver no antigo mosteiro de Leiro

06 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, visitou onte as obras que se están a desenvolver en San Clodio para rehabilitar e poñer en valor a nave lateral do edificio, o único espazo que estaba pendente de recuperación e que se está acondicionando para acoller un SPA vencellado ao mundo do viño. Nava Castro estivo acompañada na súa visita pola delegada da Xunta na provincia, Marisol Mouteira, polo alcalde de Leiro, Francisco José Fernández Pérez, e por responsábeis da empresa que está a executar as obras, a ourensá Copasa.

Ademais de lembrar que as novas instalacións convertirán a San Clodio no primeiro SPA de viñoterapia de Galicia, Nava Castro salientou a súa singularidade: «Os usuarios gozarán do descanso nun edificio de máis de 500 anos de historia». A representante da Xunta destacou a arquitectura do espazo que albergará o SPA e incidiu no feito de que «esta actuación permite, ademais, garantir a recuperación íntegra do inmoble e o emprego das súas instalacións para poñer en valor e difundir os recursos turísticos asociados á auga termal e ao viño». Segundo se indicou dende Turismo, o «establecemento constará de vestiarios, tres salas de masaxe, dúas individuais e unha dobre, con tratamentos específicos de viñoterapia; unha sala de relax, unha sauna, un baño de vapor, duchas de contrastes, spa-piscina de 40 m2 e zonas de descanso».