A formación do profesorado: un acordo polí­tico

Camilo Ocampo FIRMA INVITADA

OURENSE

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste momento hai intención polí­tica de chegar a un pacto de Estado no ámbito educativo que estabilice o sistema escolar. Sen dúbida o resultado será beneficioso para todos e axudaría a resolver o problema que, segundo o Informe PISA (OCDE), temos na educación institucional española. Trátase de que, mentres o alumnado pertencente a familias favorecidas que non acada a competencia básica en Matemáticas ven sendo dun 8%, chega ao 40% no caso de pertencer a familias desfavorecidas. Feito indicativo de que o sistema actual non é quen de corrixir eficazmente as diferenzas familiares e socioeconómicas para garantir a igualdade de oportunidades declarada nas leis. A Ley Orgánica 8/2013, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) promovida polo Partido Popular modificou sustancialmente a Lei Orgánica 2/2006 de Educación (LOE) promulgada con goberno do PSOE. Dise na LOMCE que os seus obxectivos son reducir a taxa de abandono temperá do sistema escolar, mellorar os resultados educativos conforme aos criterios internacionais, aumentar a empregabilidade e estimular o espírito emprendedor dos estudantes. Para logralos establécense cambios tanto na rede de centros como na estrutura organizativa das etapas e no respectivo currículo. Por exemplo, permí­tese o concerto a centros que discriminan por sexo; desaparece a obriga de ofertar prazas escolares en centros públicos a quen manifeste esta opción; a educación secundaria obrigatoria diví­dese en dous ciclos, tendo o segundo deles un ano de duración; outórgaselle gran importancia ás materias troncais, á lingua castelá e á relixión (volve ter validez académica). Así mesmo establécese unha avaliación externa ao final de cada etapa (as cuestionadas reválidas), refórzase a presenza das tecnoloxías da información-comunicación electrónica e apóstase polo plurilingüismo e a modernización da Formación Profesional.

Trátase de aspectos que na súa maioría aluden a factores que gardan unha evidente relación co problema do que nos fai partícipes a OCDE no seu derradeiro informe. Pero tamén son puntos que suscitan serias discusións político-pedagóxicas que, segundo o enfoque que se aplique, dan lugar con frecuencia a distintas solucións co correspondente efecto desestabilizador para o sistema educativo. Por iso o acordo que con respecto a eles poidan tomar os partidos políticos é fundamental para promulgar unha lei que permaneza vixente ao menos o tempo suficiente para poder avaliala.

Sen embargo, aínda que é algo non presente entre os puntos anteriores, a investigación pedagóxica indícanos que unha adecuada formación do profesorado constitúe un elemento clave para enfocar axeitadamente o problema exposto no Informe PISA, polo que será necesario e prioritario pactar as bases dun modelo ao respecto que inclúa a formación inicial, continua, selección e avaliación dos docentes das diferentes etapas educativas, incluída a universitaria. Algúns puntos a considerar poderían ser: revisar os currículos de formación inicial nos graos e mestrados e reforzar as prácticas externas; crear un mestrado de formación pedagóxica para docentes universitarios; valorar as vantaxes de incorporar o modelo MIR actualmente vixente no sector da medicina. En fin, todo un reto para as forzas políticas do arco parlamentario!

Camilo Ocampo é profesor titular da Área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación no campus