«Os patróns sexistas son como un virus informático»

mar gil OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Mestre de Pedagoxía Terapéutica, obtivo o primeiro premio do certame convocado polo Concello de Lalín

26 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Con dúas páxinas tituladas Esperanza, Bienvenido Suárez vén de acadar un recoñecemento cheo de emotividade, o primeiro premio dun certame literario que ten valor máis alá da estética. É o concurso de cartas «Dillo a quen maltrata», convocado polo Concello de Lalín no contexto das actividades arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

-¿Como afrontou a redacción desta carta?

-Tentei poñerme na pel de alguén que estivese nesa situación e de aí saíu esta historia.

-¿Que nos conta?

-Parte da idea de mesturar o mundo dos soños coa realidade. A protagonista é unha muller que padeceu maltrato hai anos e que no momento do relato está correndo pola beira do Miño e vai pensando en cousas ata que sofre un desmaio. Aparece alguén que a socorre, un home que a atende, e con ese encontro fortuíto, aínda que non está explícito no texto, presúmese que acaban os medos e que hai esperanza.

-Esperanza, é o título do relato.

-É unha palabra clave no texto. Aparece ao final. É o nome da muller. E o home que a socorre chámase Pedro, coma o meu avó, é unha homenaxe a el.

-¿É a súa primeira experiencia como escritor?

-Non teño nada publicado, só escribo ás veces por pracer pero, desde logo, os premios anímante a seguir. Neste caso foron unhas tardes de reflexión para pensar no tema e no enfoque. A min gústame escribir.

-E como docente, ¿percibe especialmente un contexto de violencia contra a muller?

-É algo que me preocupa moito. Penso que, ou se deixou un pouco de lado ou algo se está facendo mal, pero algo falla porque se volven reproducir agora patróns dos anos setenta. Eu teño a teoría persoal de que se delega todo na escola, pero é toda a sociedade a culpable de seguir reproducindo roles asociados ao sexo e iso ten consecuencias graves.

-¿Hai sexismo na escola?

-O sexismo non está no ensino, está na sociedade xeral, e é moi difícil loitar contra iso. Eses patróns que se reproducen son como un virus informático; ás veces é imposible eliminalo, pero pódense facer solucións alternativas, parches, porque, se non fas nada, si que vai seguir aumentando.

-¿Que podemos atopar nun patio de recreo?

-Cando son moi pequeniños, dáste conta de que están puros, igual xogan cunha boneca ou un balón, sen problemas, pero, en canto son un pouco maiores, xa notas que incorporan os estereotipos de sexo.

-¿Son útiles socialmente estes certames e actividades?

-Non podemos esquecernos de que esa situación segue aí e hai que darlle viabilidade. É un problema de toda a sociedade e todos xuntos temos que tentar erradicalo.