A Xunta leva a dez concellos unha campaña sobre como aforrar no consumo eléctrico

La Voz OURENSE

OURENSE

«Dálle luz á túa factura» chegará a Trives, Castro Caldelas, Boborás, San Cristovo de Cea, Nogueira de Ramuín, Coles, Xinzo de Limia, Allariz, Verín e Monterrei

13 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A campaña da Xunta «Dálle luz á túa factura» chegará a vindeira semana a dez concellos de Ourense, onde se celebrarán xornadas informativas para achegar aos consumidores as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar; revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. Nestes encontros farase ademais fincapé no aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.

As xornadas informativas da iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, chegará en total nas próximas semanas a máis de 70 concellos galegos, unha vintena na provincia de Ourense. Ademais, os consumidores poden acceder tamén nas webs de ambas entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concreta, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. Estas ferramentas complementan así o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).

Calendario para a vindeira semana

O luns 14 de novembro a xornada de Dálle luz á túa factura celebrarase ás 16 horas na Pobra de Trives, nos baixos da Casa do Concello (San Roque, 4), mentres que ás 18:30 horas será en Castro Caldelas, na aula Cemit (O Toural, s/n).

O martes a campaña visitará Boborás ás 16 horas, no local social de Brués (Conchouso, s/n), e ás 18:30 horas terá lugar a charla de San Cristovo de Cea (no edificio multiusos da Rúa San Lourenzo, 68).

Xa o mércores ás 16 horas será o turno de Nogueira de Ramuín, que acollerá a xornada no salón de plenos do Concello (Estrada a Nogueira, 3, Luintra), e ás 18:30 horas o de Coles (no salón de plenos do Concello, na rúa Vilarchao, 34).

No tocante ao xoves, Dálle luz á túa factura visitará Xinzo de Limia (ás 16 horas no salón de plenos, na rúa Curros Enríquez, 15) e Allariz (ás 18:30 horas no salón de actos do Fogar dos Maiores, no Campo da Barreira, 3).

Finalmente, o venres 18 de novembro será o turno de Verín (ás 16 horas na Casa da Cultura, situada na Travesía do Concello, 1) e Monterrei (ás 18:30 horas na Casa da Cultura de Alvarellos, en Fontiñas s/n).