«Os grandes avances débense máis á dieta e á hixiene que aos fármacos»

Miriam García
m. g. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

05 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eva Salgado interveu onte nunha das charlas divulgativas do congreso galego, que na súa 46 edición ten varias sesións abertas ao público.

-¿Como inflúe a alimentación nas enfermidades reumáticas?

-Sabemos que as enfermidades inflamatorias teñen un maior risco cardiovascular e sobre iso podemos influír coa dieta. A dieta que é variada e equilibrada beneficia á saúde. Na gota debe ser máis específica, eliminando as vísceras, algún vexetal rico en purinas, o marisco e o alcohol, incluída a cervexa sen alcohol porque o ácido úrico prodúcese tamén pola cebada.

-¿Faise educación neste ámbito nas consultas?

-Faise máis en primaria; nun hospital resulta difícil. Nós temos a sorte de ter a dieta mediterránea, que é bastante equilibrada, pero a educación é necesaria; de feito, os grandes avances, como a maior esperanza de vida, débense máis a mellorar a dieta e a hixiene que a uns fármacos concretos. Queda traballo por facer.

-¿O exercicio é preventivo?

-O deporte, tamén diminúe o risco cardiovascular e atrasa a aparición da osteoporose; axuda a preservar a funcionalidade das articulacións danadas por un proceso inflamatorio. Ás veces hai que individualizar, pero calquera exercicio que non sexa de alto impacto é recomendable. Os ideais son os acuáticos. E camiñar tamén.