Deberes para asomarse ao mundo

mar gil OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Unha revista proxecta o potencial creativo e a imaxe do centro Antonio Faílde

04 nov 2016 . Actualizado a las 13:06 h.

En pleno debate sobre se deberes escolares si ou non, os alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde sacan peito cun dos últimos encargos do curso. Nin eles son nenos de primaria nin o Anuario BASE pode cualificarse, sen máis, de deberes, pero ese xa clásico encargo de final de grao é un reto máis que unha carga, un auténtico obxecto pedagóxico de desexo. Neste caso, todos queren facer os deberes.

Encargarse do anuario é toda unha honra, un premio. Baixo a coordinación do profesor Xosé Manoel González Rivera, un grupo de docentes escolle cada ano, dende hai oito, as mellores propostas para a confección e deseño da revista. As ideas son presentadas polos estudantes da materia Deseño editorial como último exercicio práctico do curso. Con eses «deberes» sobre a mesa, o xurado optou este ano por unha solución conxunta, a combinación da liña estética suxerida por Cristina Escarda e a proposta de maquetaxe de Simón Seoane. O resultado xa está na rúa. Titúlase BASE.

Ver e deixarse ver. Amosar o potencial propio e achegarse ao mercado laboral que os agarda son dúas metas da revista presentada esta semana, que compila os traballos feitos polos estudantes das distintas especialidades da escola Faílde: Deseño gráfico, Deseño de interiores, Ilustración, Fotografía artística e Ebanistería. Ademais, as páxinas de BASE -tamén existe versión virtual na web da escola- inclúen artigos e traballos de profesores, exalumnos e artistas convidados.

O coordinador, Xosé Manoel González, pensa que esa mistura de estudantes e profesionais é moi recomendable: «Este anuario naceu a demanda dos propios alumnos cando se puxeron en marcha os estudos superiores; querían un medio para a promoción dos seus proxectos. Pensamos nunha revista que recollese os seus traballos, pero que non fose unha simple revista escolar, que non quedase no ámbito académico, senón que conectase co mundo empresarial e profesional e que incorporase firmas importantes como colaboradores».

«Nestes oito anos -engade- temos conseguido artigos moitas veces inéditos de figuras de referencia, tanto galegas como estranxeiras. Penso que o anuario cumpre a dobre función de servir de plataforma para os alumnos e de difusión da propia actividade do deseño, dignificándoa e divulgándoa».

Cristina Escarda cre que coa edición do oitavo anuario conseguiron un bo traballo: «A liña estética é moi limpa; tentamos non resaltala moito, que o contido domine sobre a forma. Como eu estudei tamén Arquitectura de interiores, recorrín aos gráficos que se empregan nos planos arquitectónicos».

Cristina é a autora do nome, BASE, que determina toda a estética e o concepto da revista. Deseñou a portada, o sumario e a numeración. O seu compañeiro Simón Seoane encargouse da parte formal arredor da maquetaxe e o profesor, Xosé Manoel González, asumiu a coordinación.

«Hai canteira, hai nivel»

«É a primeira vez -apunta o alumno- que nos dan dende a escola a oportunidade de facer un proxecto real. Para nós é unha oportunidade de enfrontarnos a algo que o día de mañá imos ter que facer no traballo».

O profesor salienta o valor en si da publicación: «Nela vense reflectidas as tendencias contemporáneas nas diferentes áreas. Dende o primeiro número houbo proxectos moi bos e vemos que o nivel vai subindo. Non porque o digamos nós, senón polo que nos comentan os profesionais do sector, que son as apreciacións que debemos ter en conta. Eles din que hai canteira, que hai nivel».

Distinto é, apunta con certo temo, o que lles depare o mercado: «Quizá non lles poida ofrecer a todos o posto que merecen».

Por se acaso, Cristina aspira a empezar profesionalmente nun estudo para aprender da experiencia dun equipo e Simón, que estudou previamente Belas Artes, confía en que este novo título lle dea certa estabilidade laboral: «O deseño gráfico e a publicidade moven o mundo e axente nova temos algo que aportar; os recursos que temos agora fan que cheguemos con máis impulso».